O artista Mauro Trastoy (Ferrol, 1971), coa súa obra titulada 7, é o gañador da XVI edición do certame Isaac Díaz Pardo de artes plásticas da Deputación da Coruña.
Un xurado composto por Silvia García González, Alberto González-Alegre, David Barro, Almudena Fernández e Manuel Eirís -gañador da edición anterior- escolleu por unanimidade a obra do artista Mauro Trastoy, elaborada a punto de cruz con lá sobre arpilleira branca.
De entre o total das obras presentadas a esta nova convocatoria do Premio Díaz Pardo de Artes Plásticas da Deputación da Coruña, foron 20 as finalistas, e a de Trastoy a escollida entre todas elas pola súa “calidade” resultado dunha “singular investigación e experimentación con técnicas relacionadas coa trama e a urda e o saber artesanal, para facer unha pintura sen pintura, a partir de xestos mínimos e con incidencia no proceso e na repetición do motivo”.
Para os xuíces, a obra "consigue renovar a tradición da pintura, reivindicando ao mesmo tempo as nosas tradicións artesanais", e agora emprende un camiño expositivo que a levará por dez concellos distintos grazas a unha mostra itinerante organizada polo ente provincial.
Trastoy: afondando na experimentación como leitmotiv
Mauro Trastoy é un dos nomes máis recoñecidos da arte contemporánea galega, e a súa obra expúxose en distintas mostras individuais e colectivas. Artista e deseñador gráfico, coa súa obra adoita cuestionar as fronteiras entre arte, artesanía e deseño.
Licenciado en Belas Artes pola Universidade de Salamanca, o artista participou nunha estadía en Künsthochshule de Kassel e no Kulturmodell de Alemaña, ademais de ser residente da Fundación Granell.
Nos últimos tempos, un dos principais ámbitos de traballo de Trastoy céntrase no contacto e a experimentación cos propios materiais.