Crítica de rock e outras lerias

Metallica: hardwire...to self-destruct

metallica
photo_camera metallica

Había unha grande expectativa no panorama roqueiro co novo disco de Metallica xa que cada lanzamento da banda convértese nun acontecemento. Regresar cun disco dobre que contén 12 temas  demasiado longos, cunha portada horríbel e cuns adiantos desconcertantes alimentou a rumoroloxía encol do que ía ser este Hardwire...To Self-Destruct do que o único que era certo é que ía traer consigo nova xira da banda. 

Hai tempo que non espero moito dos novos traballos de Metallica, para non levarme sorpresas negativas e desta vez, non foi diferente. Tralas primeiras escoitas o que me quedou máis claro é que, definitivamente,  Metallica deixou de ser unha banda de trash. Tamén queda claro que non volverán ao  Black Álbum  máis que para celebrar este ano o 25 aniversario do seu lanzamento.  Tendo en conta isto, Metallica seguen a ser uns músicos excelentes, que melloran a súa técnica interpretativa e compositiva cos anos e son quen de facer un disco de rock como moita caña que segue na liña marcada no Death Magnetic  de 2008.

Hardwired, o tema que abre é tamén o máis curto do disco. Pouco máis de tres minutos duros, rápidos e directos  nos que se deixa de ver algo de rabia trasher, pero sen pasarse. Un bo inicio de disco igual que Atlas, Rise!, o tema que sigue no que xoga con diversos ritmos e breaks, que fai que o tema funcione ben dende a primeira escoita. Seguemos entrado máis na estela do hard rock con Now That We Are DeadMoth in The Flame,  que ben poderían ser parte do Load  e ninguén diría nada, agás de que están mellor interpretadas e mellor producidas. 

Dream no more, o tema que segue, sorprende pola escuridade do seu inicio, así como polo ritmo sincopado, que o fai totalmente distinto do que levamos escoitado nos cortes anteriores  cuns retrousos moi pesados pero que lle falta algo para que funcione. Pecha este cd  Halo On Fire,  un tema dos mellores dos disco, pero que cos seus máis de 8 minutos de duración acaba arruinado e desexando que remate.

O segundo cd, abre con Confusión un tema nimio e fallido que tenta tirar cara ao heavy máis clásico, pero que se queda nun tema de recheo que poderían ter aforrado. Segue ManUNkind, outro tema que non se sostén por ningures e que te tortura durante case sete minutos até que chega  Here Comes The Revenge, no que retoman unha atmosfera escura e un tema que gaña puntos con respecto aos temas anteriores, pero sen pasarse. En  Am I Savage? volven a atmosfera escura e sinistra, pero cuns riffs canto menos curiosos, aínda que insuficientes para que o tema chegue a un nivel propio da banda.  Murder One é o tema adicado a Lemmy, que, xunto coa intro é o único bo  que ten o tema. Iso e que cando remata sona Spit Out The Bone, un dos mellores temas do disco, onde Metallica volve a facer o trash que sabía facer e no que deixa unha ventá aberta a esperanza de cara ao futuro.

Estamos ante un disco pasable, con moito recheo pero tamén con temas moi destacábeis como Hardwire, Atlas, Rise! e Spit Out The Bone. Tamén é de lei dicir que é o mellor que fixeron nesta etapa que abriron con Load, pero se en oito anos non foron capaces de facer outra cousa mellor, Metallica, ten un problema. Estamos á espera dese gran disco que todos esperamos, porque saben e poden facelo, pero dende logo ese disco non é Hardwire…To Self-Destruct.

LISTAXE DE TEMAS

Disco 1

Hardwired

Atlas, Rise!

Now That We’re Dead

Moth Into Flame

Dream No More

Halo On Fire

Disco 2

Confusion

ManUNkind

Here Comes Revenge

Am I Savage?

Murder One

Spit Out The Bone

Máis en CULTURA
Comentarios