Por que “proletarios”?
Porque é o que somos, está clarísimo. Creo que nunca deixamos de selo desde o principio dos tempos. Musicalmente falando. E non só. Somos de familia proletaria e nós somos proletarios.
E por que “do rock & roll”?
Foi unha evolución lóxica. Seguramente a imaxe que hai do meu proxecto estea máis ligada á de cantautor. Pero igual non é toda a verdade. Eu empecei cantando nunha banda de rock, no Carballiño. Era só cantante, porque tocaba moi mal a guitarra e os meus compañeiros dixeron: “Non, ti só cantas”. Aínda toco mal a guitarra, pero daquela era peor. Empecei así e moitos dos meus referentes veñen do rock: Os Resentidos, Siniestro Total, escoitaba moito Kortatu, La Polla, e tamén me molaban Loquillo e os Dire Straits. Pero cando empecei a facer cancións non atopei xente arredor para montar unha banda de rock. Daquela fíxenme cantautor. Porque tamén era de cantautores.
Da necesidade virtude.
Si, e daquela descubrín a Silvio. Por exemplo, eu naquel momento era moi fan de Sabina. Fun moi fan de Sabina, daquel disco en directo con Viceversa. Era un referente. Molábame facer esas cancións e ter unha banda detrás aguantándoas. Pero realmente foi así. E logo está a evolución do meu propio proxecto, en que foron aparecendo músicos e sumando. Se escoitas un pouco os nosos discos xa con banda –non as primeiras cousas, máis de cantautor ao uso– realmente hai tres discos en que o son é rock, pop rock.
Non é doado, ademais, saber onde está a derrega.
Porque, por mencionar clásicos totémicos, Bruce Springsteen que é, un cantautor ou unha banda de rock & roll? E Bob Dylan nas etapas eléctricas? O de Springsteen é curioso, porque cando presentamos o disco anterior no Salón Teatro, en Compostela, veu Pepe Constenla de convidado. Sen eu dicirlle nada, dixo no escenario: “Estou encantando de estar aquí, e déixovos con Roberto. Ti xa non es un cantautor, ti es o Bruce Springsteen galego”. E esa é un pouco a idea.
[Podes ler a entrevista no número 305 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]