Miriam Ferradáns: "As mulleres tomamos a palabra e agora non a imos soltar, temos que nos reivindicar"

"Gustaríame ir canda eles, observar ese intre íntimo e maduro. A facilidade, esa que en min escasea, de ver a morte con tenrura, con honestidade, sen medo". É un fragmento do artigo Dalias, de Miriam Ferradáns. Publicado o 10 de novembro de 2020 no Nós Diario, que vén de ser galardoado co XVIII Premio Afundación de Xornalismo Fernández del Riego.
O artigo galardoado, 'Dalias', foi publicado no 'Nós Diario' en novembro de 2020. (Foto: Miriam Ferradáns)
photo_camera O artigo galardoado, 'Dalias', foi publicado no 'Nós Diario' en novembro de 2020. (Foto: Miriam Ferradáns)

Como recibiu este recoñecemento?

O certo é que tiña unha espiña cravada do ano pasado, que fora finalista mais fixérase con el Cristina Pato. Quedárame esa sensación agridoce de estar entre os tres finalistas, que é moi bonito, mais non gañar. Este ano tiña esa necesidade de sacarme esa espiña. Aínda así, tampouco pensaba que o fose gañar, a verdade. Ía bastante tranquila  e a vivir a experiencia outra vez. Estou moi contenta. Pódese dicir que agardei por el, o ano pasado non puido ser e este acabou por chegar.

En que momento sentiu a necesidade de escribir o artigo?

Era algo que tiña na cabeza dende hai anos. En Bueu, todos os anos o día de Todos os santos hai un barco -un servizo especial-, para que a xente poida ir á illa levar flores aos mortos. A min era algo que me chamaba moito a atención, pero que tamén me perturbaba.

Necesitaba pensar e escribir sobre ese suceso. Está escrito en novembro, xusto despois de que pasase ese día. Sempre acababa recibindo unha foto ou do barco ou do cemiterio e ese ano non me chegou, pola pandemia e demais. De feito, non sei se houbo o ano pasado, pero sentín que necesitaba contarlle aos demais que iso acontecía onde eu vivo.

Logo, reflexionaba tamén un pouco máis sobre a vida na illa de Ons, pero esa vida do rural que esmorece. A illa que coñecemos non é a mesma que coñecen todas as persoas que viviron alí durante moitos anos ou toda a súa vida. Esa illa practicamente xa está desaparecida.

Parecíame tamén interesante mencionar algunha pista sobre iso.

Ao comezo do artigo, menciona en varias ocasións a figura de Cesáreo. De quen se trata?

Cesáreo é un dos últimos habitantes permanentes da illa de Ons. É un home moi coñecido en Bueu, en todo o Morrazo, e tamén entre aquelas persoas que visitan habitualmente a illa. Escritores, fotógrafos, xornalistas... fálaslle de Cesáreo e coñéceno. Trátase unha figura emblemática da illa de Ons. Dos últimos colonos que quedan alí todo o ano, con todo o que iso supón e coa maxia que implica ser un habitante permanente dunha illa  na que non teñen luz todo o día, servizos médicos, servizo de transporte, nin regular nin irregular... Eles durante o outono e o inverno están alí e sérvense grazas aos pescadores, que en calquera caso poden facerlle un favor ou mesmo levalos a terra firme se o precisan. Eu falo de Cesáreo porque é como a representación dese grupiño de persoas que aínda queda aí, que son moi poucos, tres ou catro.

Precisamente introduce a peza co incendio ocorrido na illa de Ons ese ano.

O do incendio tamén foi un detonante. Houbo un incendio por mor dun raio e claro, quen salva a terra? Os que viven nela, non había outra posibilidade. Na illa hai gardacostas e persoal de parques que se vai alternando, pero eran eles contra o lume nesa situación. Acabas por decatarte de que son eles contra o mar cando hai temporal e, ao final, son eles contra eles mesmos, por iso eu dicía o de “o home e o mar; o home e o lume; o home e o home”. Prodúcese esa loita continua. Hai unha imaxe de Cesáreo moi bonita tentando apagar o lume e reflectía esa loita do home contra todos eses elementos.

As tres finalistas deste ano foron tres mulleres.

Comentábao cando recollín o premio. O ano pasado gañouno Cristina Pato e este ano eramos tres mulleres finalistas e para min iso xa era motivo de orgullo. Gañara a que gañara, gañaba unha muller. As mulleres tomamos a palabra e agora non a imos soltar. Temos que reivindicarnos e creo que os premios son un bo método para facernos oír e notar, para que se saiba que estamos aí. Que xa se sabe que estamos aí, pero para que sexa máis difícil invisibilizarnos.

Comentarios