MÁIS

As Nosas Músicas son para (re)encontrarse

Loar o tradicional e reunirse en festas, as claves da edición XXVII

Nestes días 13 e 14 de agosto chega o ciclo "As Nosas Músicas" a Couso, na Estrada (Tabeirós-Terra de Montes), unha celebración que aposta pola troula máis alá de festivais e da Galiza urbana. Monicreques, charangas e ruadas pasarán pola parroquia ao son da foliada e das cantareiras para demostrar que o cambio dos tempos non supón a perda das raíces.

Participantes nunha edición anterior das Nosas Músicas de Couso, na Estrada. (Foto: ANM)
photo_camera Participantes nunha edición anterior das Nosas Músicas de Couso, na Estrada. (Foto: ANM)

O rural estase perdendo, esta é unha realidade que moitas persoas poden constatar, non só como un feito obxectivo senón como unha vivencia propia. Desde o despoboamento de aldeas enteiras ao recorte ou desaparición de servizos esenciais no interior da Galiza, todo chama a virarse cara á cidade e dar as costas ás orixes dunha terra formada por 3.711 parroquias segundo o Instituto Galego de Estatística (IGE). 

Non só pasa co vivir, senón tamén co gozar. A xente xa non asiste tan a miúdo ás festas populares e aposta por un ocio máis universal e homoxéneo encabezado polos festivais e concertos, só posíbeis nas grandes urbes e nos seus estadios ou salas de concertos. Ante esta situación, rebelouse hai máis de 20 anos a asociación A Xesteira, que non ía permitir ver o Couso da Estrada (Tabeirós-Terra de Montes) morrer. Desta forma, creou As Nosas Músicas, un evento rural con moito ritmo e que acaece desde hai tres anos, polos días 13 e 14 de agosto. No comezo As Nosas Músicas era unha cita moito máis humilde cun só día de diversión pero coa chegada do 25º aniversario, hai xa tres anos, estendeuse a dúas xornadas, como sinala en declaracións a Nós Diario Alejandro Brey, presidente da Asociación A Xesteira.

Unha orquestra e xa está?

Sen dúbida, a xente quería máis tempo para vivir unha celebración que, desde o comezo do seu percorrido, apostou por ser alternativa. Deste modo, en 1996, un pequeno grupo de mocidade de Couso -que logo desembocaría na asociación sen ánimo de lucro da Xesteira- decidiu innovar á inversa e traer festexos ao xeito de “como eran nos anos 50 e 60, co sons de gaitas e requintas”, lembra Brey. Neste sentido, en Couso xa hai festas patronais o 15 e 16 de agosto mais non son comparábeis.

En 1996, un pequeno grupo de mocidade de Couso quixo traer os festexos "ao xeito dos anos 50 e 60 co sons de gaitas e requintas”

A das Nosas Músicas ten unha particularidade moi importante, que é a de separarse do que se entende por festival a día de hoxe “coa súa connotación de macrofesta”. As da Estrada son xornadas de balde e sen ánimo de lucro e, por tanto, cun fin que non podería ser máis diferente. Todo o que recadan vai a causas sociais apoiadas, explica o membro da entidade.

Na asociación pouco queda no peto, pero moito no espírito, tanto para poder alimentar o lume da festa como para promover a cultura que lle serve de misto. Así, contan desde a organización da Xesteira cunha escola de música e danza que fai que as tradicións non só non se perdan, senón que se multipliquen, tanto desde o exercicio e a práctica deste patrimonio cultural tradicional como desde a escoita e observación como persoas espectadoras. 

Desta forma, hai en Couso unha cultura moi fonda de resistir e alimentar o seu, con persoas movidas pola ilusión e pola motivación de transmitilo a todas aquelas que participan e entran en contacto con esta parroquia. Tanto é así que moita da xente que deu luz á celebración prosegue apoiando e colaborando coa organización actual no mantemento das Nosas Músicas. Desligarse daquilo que tantos anos levan construíndo non é unha opción contemplada nin cando pasa de mans nin moito menos cando comezan a recibir distintivos pola súa traxectoria, como ser Premio Martín Códax 2024 na categoría de festivais. 

A este respecto, pensa o presidente da Xesteira que "igual" agora xa poden responder a ese nome pero nunca ese enfoque. O seu maior contento non son as grandes multitudes senón crear comunidade de modo que teñan "3.000 persoas no terreo da festa bailando pola noite". Por este motivo, nos últimos anos, para reforzar a experiencia apostaron por mellorar os servizos da festa de música tradicional para crear unha "oferta segura e de calidade" para todos os públicos. Así, buscan continuar propiciando un espazo onde, "á unha da mañá poidan estar a infancia bailando a carón da mocidade e a poboación de maior idade", entre elas a introdución dun punto violeta.

Ai, agora que nos xuntamos!

Como canta Mondra en "Punheta", cando se xuntan os instrumentos e as persoas créase unha sinerxía moi poderosa. Iso é o que acontece estes días en Couso. Ás 17 horas de hoxe comeza a troula nesta parroquia da Estrada con xogos tradicionais aos que proseguen a apertura da II Mostra de Artesanía da ANM (As Nosas Músicas). Rompendo a tendencia, ás 18.15 horas dá comezo a música coa charanga Ponte Vella e fecharán a tarde os Títeres Cachirulo. Xa na noite, a troula comeza a camiñar en ruada a partir das 21 horas nun primeiro día “máis íntimo”, como indica Alejandro Brey.

Entre os grupos que tocarán están algúns dos arredores da comarca, como Benofan, as pandereiteiras da Ponte Vella e as de Rosalía de Castro, así como Pinguela de Bama ou Silvaredonda. Mañá haberá propostas creativas, como as de Art-Monium, ás 20 horas, que prometen un ambiente festivo e contaxioso coa súa animación musical e mesmo actividades didácticas como a clase de iniciación ao baile tradicional dada por Nuria Gesteira, perfecta para quen queira non só empaparse da arte senón que desexe tamén probalo de seu. 

Para fechar a noite con chave de ouro, haberá música da man de Pansenfrón e Os d'abaixo ademais dunha gran foliada aberta a partir das 21.30 horas, onde toda a xente poderá gozar dunha cultural propia 
e inimitábel.

Sorpresas de boa testa 

Ademais, hai dous anos que se vén recuperando unha tradición senlleira como a dos xigantes e cabezudos, que saen "de sorpresa en distintos momentos" e que se ambientan na banda da lendaria bandoleira do século XIX Pepa A Loba. Esta caracterización responde á relación hipotética que puido ter coa parroquia, xa que a súa posíbel partida de nacemento figura en Couso da Estrada. Entre as peripecias que agrandaron o seu mito está a protección do rabaño de ovellas que coidaba e que lle deu o seu nome -A Loba-, por matar o lobo que as pretendía atacar. Tamén a súa actividade delituosa atracando persoeiros e vivendas de clase alta pola que se gañou a admiración 
do campesiñado. Deste modo, os xigantes e o festival rebélanse contra a inxustiza no rural seguindo a Pepa a  Loba outro ano máis.

Comentarios