MÁIS

Percorrer a raia mollada

Navegar polo río Miño antes da súa embocadura
Máis de 800 participantes encheron as augas do Miño durante o Descenso Popular de 2023. (Foto: Turismo Rías Baixas)
photo_camera Máis de 800 participantes encheron as augas do Miño durante o Descenso Popular de 2023. (Foto: Turismo Rías Baixas)

O Miño é sen dúbida o río da Galiza. Numerosas son as festas e romarías que se fan na honra del ou na beira das súas augas. Unha das máis coñecidas, e que ten lugar poucos quilómetros antes da súa desembocadura en terras portuguesas, é o Descenso Popular do Miño. Esta celebración de Interese Turístico da Galiza é organizada cada ano polo Club de Caiac Tudense, unha institución creada a finais dos anos 70 e que posúe un extenso palmarés.

A edición deste ano é a décimo terceira e terá lugar esta quinta feira ás 17 horas. O descenso comezará na área recreativa da Ribeira de Caldelas, nos Baños (Baixo Miño). Será un percorrido suave de sete quilómetros atravesando as bonitas paisaxes que deixa o Miño ao seu paso por Tui e Valença. Trátase dun percorrido de escasa dificultade, perfecto para navegantes con pouca ou nula experiencia no emprego de piragua. A fin do descenso será en Tui, nas instalacións do Club de Caiac Tudense. As persoas participantes poderán recoller os dorsais e camisetas a partir de mañá, entre as 17 e 20 horas no propio Club. Con todo, tamén poderán pasar por eles o mesmo día do descenso, entre as 12 e 15 horas en Ribeira de Caldelas. A partir do mediodía da quinta feira, as asistentes ao evento poderán troulear na tradicional Romaría Popular na zona de saída, amenizada con diversas actuacións musicais e papatoria. 

O Club Caiac Tudense desenvolve tamén o Descenso Internacional do Miño, máis enfocado para remeiros e remeiras de grado profesional. Son 17 quilómetros percorrendo o Miño desde Salvaterra de Miño (O Condado) até as instalacións de piragüismo e remo de Tui. Terá lugar o vindeiro 24 de agosto.

Comentarios