MÁIS

O Aloia álzase sobre a raia

Castros e natureza aos pés do río Miño.
As vistas ao río Miño desde un dos miradoiros do Monte Aloia. (Foto: Concello de Tui)
photo_camera As vistas ao río Miño desde un dos miradoiros do Monte Aloia. (Foto: Concello de Tui)

O Monte Aloia é unha das atalaias máis destacábeis da xeografía galega. Sitúase no concello de Tui (Baixo Miño), desde onde domina o sur da Serra do Galiñeiro. A súa localización ofrece unhas vistas privilexiadas dos vales dos ríos Miño e Louro. 

En 1978 foi declarado Parque Natural da Galiza, sendo o primeiro en alcanzar esta protección. Conta con 746 hectáreas de superficie e posúe altitudes entre os 80 e os 629 metros do Alto de San Xiao.
Esta localización caracterízase polo seu pasado celta. Diferentes historiadores identifican o Monte Aloia co tan coñecido Monte Medulio, lugar no que aconteceu o suicidio colectivo dunha poboación castrexa ao completo que preferiu morrer antes que someterse ao ditado do Imperio Romano. 

Con 746 hectáreas, foi o primeiro monte declarado Parque Natural na Galiza

Este pasado castrexo tamén está reflectido en diferentes restos arqueolóxicos. Un dos máis coñecidos é o Castro do Alto dos Cubos, un poboado castrexo datado do século II antes da nosa era e que permaneceu activo até a romanización da península, no século III. O poboado conta con dous niveis ben delimitados por unha muralla: unha parte superior e outra na pendente noroeste. O conxunto está formado por construcións de pedra e planta circular, que poderían identificarse como casas, alpendres ou obradoiros. 

Os castrexos do Monte Aloia dedicábanse principalmente ao traballo da terra e ao gando, aínda que xa practicaban outras actividades como o tratamento de peles ou a creación de ferramentas en pedra ou bronce.

O Monte Aloia foi un enclave importante non só na época castrexa, senón tamén durante o século XVI. A ermida de San Xiao é a proba disto. Foi ampliada dous séculos despois por orde do bispo. Trátase dunha nave única con planta rectangular e arcos diafragmas de medio punto. É, xunto coas casas do Cabildo catedralicio, un espazo chave nas romarías dedicadas a San Xulián e á Virxe das Angustias, que decorreu o pasado domingo.

A cama de San Xiao

Perto da Ermida de San Xiao atópase esta rocha anegada de mitoloxía. A lenda asegura que foi aquí onde o santo se deitou para durmir toda a eternidade. No seu perímetro non crece a vexetación. Dise que a rocha pode axudar con diferentes males, como a infertilidade, as dores de cabeza ou de cervicais. 

A carballeira da Ermida

A  contorna da Ermida de San Xiao está formada por unha centenaria carballeira. A vexetación do Aloia é moi variada. Atópanse especies caducifolias e autóctonas como o carballo, o acivro ou a sobreira. A zona non escapou das repoboacións forestais. Cedros, cipreses e abetos esténdense tamén por este espazo.

Mirar ao Baixo Miño

Na contorna do Parque Natural existen cinco miradoiros estratéxicos para desfrutar das diferentes vistas ao val do río Miño, o Monte Santa Trega, o mar ou inclusive Portugal.

Un dos máis coñecidos é o da Gran Cruz. Abre a vista a 50 quilómetros do val do río, desde os Montes da Paradanta ante o Santa Tegra. Nunha base rochosa atópase o de Rafael Areses. Leva este nome na honra dun dos enxeñeiros forestais que propiciou o nomeamento do parque natural.

O miradoiro Celta, o de González Páramos e o do Castelo tamén destacan entre os puntos máis impresionantes do Aloia. Os cinco miradores confroman o roteiro do Monte Aloia. 

Comentarios