MÁIS

Os tres Farallóns de Cervo

Os cabaleiros que protexen o litoral da Mariña
Os illotes Farallóns, presidindo o litoral da parroquia de San Cibrao. (Foto: Cervo Turismo)
photo_camera Os illotes Farallóns, presidindo o litoral da parroquia de San Cibrao. (Foto: Cervo Turismo)

Protexendo a vila de San Cibrao, no concello de Cervo (A Mariña), atópanse tres illotes irmáns envoltos en lendas mariñeiras e diversos naufraxios. 

Sepáranse só por quilómetro e medio da vila e entre os tres suman unha extensión de 6 hectáreas, sendo máis da metade do illote maior, A Sombriza. O Pé é o máis pequeno de todos, pero tamén leva a honra de ser o máis elevado coa súa singular forma piramidal e unha altitude de 30 metros. O irmán do medio chámase A Baixa e é o illote máis próximo á costa. Obsérvase en primeiro plano desde o miradoiro de Punta Atalaia ou calquera outro punto do cabo de San Cibrao.

Os illotes irrompen de forma abrupta nas vistas cara ao mar cantábrico, especialmente por mor de estar constituídas a base de rochas. Levan tamén a fama de ser un punto no que os barcos adoitan naufragar. Diferentes naves de carga, pesqueiras e a vapor, chocaron contra os Farallóns ao longo do século XX. Un dos casos máis notorios foi o do Castelo Moncada, un cargueiro con 32 mariñeiros que afundiu en 1945 tras bater contra o illote A Baixa. Por sorte, todos os homes a bordo foron rescatados e o barco seguiu a navegar uns anos máis até que os danos ocasionados no naufraxio foron demasiado graves.

Os afundimentos crearon unha lenda entre a veciñanza de San Cibrao. Dicíase que unha ninfa mariña con corpo de muller habitaba na cova de Xan Vello, situada no illote da Sombriza. Coñecíase como "A Maruxaina" e nos días de treboada subía ao alto do illote para berrar e tocar un corno. Parte da veciñanza di que para avisar os mariñeiros dos perigosos illotes, outras e outros afirman que a ninfa só quería atraelos e que afundisen contra os Farallóns. 

Seres mitolóxicos e naufraxios habitan estes illotes

Unha estatua na praia do Torno realizada no ano 2006 por Ánxel Cao Quelle conmemora esta lenda. Ademais, cada segundo sábado de agosto celébrase unha festa de Interese Turístico Galego na honra deste ser mitolóxico de ollos verdes e voz melodiosa.

Un residuo perigoso

A multinacional de aluminios Alcoa é a responsábel da balsa de barros vermellos de San Cibrao. Son 87 hectáreas cualificadas pola Consellaría de Sanidade como "residuo perigoso". Se o dique de contención chegara a romperse, 3.000 toneladas de residuos indisolúbeis acabarían con San Cibrao.

Mora a Maruxaina

578 metros de area branca e fina conforman a praia do Torno na área urbana de San Cibrao, que posúe acceso para persoas con mobilidade reducida. Caracterízase por ter ondadas quedas ideais para un baño tranquilo. Se a preamar o permite, pódese acceder até a rocha da Ninfa Maruxaina.

Artesanía da Mariña

Tres factores fixeron da parroquia de Sargadelos (A Mariña) un referente en fabricación de louza estampada: as minas de caolín, materia prima, a existencia de fragas perto, facilitando o emprego directo de madeira nos procesos industriais, e a proximidade do mar para un mellor transporte das creacións. Antonio Raimundo Ibáñez abriu a Antiga Fábrica de Louza en 1804. Fechou durante varios anos até que no século XX Isaac Díaz Prado e Luis Seoane se erixiron como máximos impulsores da cerámica de Sargadelos, converténdoa en gran referente de deseño e innovación na Galiza.

Comentarios