Nova Galega de Danza estrea 'Dique' coa dirección a cargo de Marta Pazos

A obra conta o labor das mulleres no dique da Campá de Ferrol.
Marta Pazos (Foto: Tamara de la Fuente).
photo_camera Marta Pazos (Foto: Tamara de la Fuente).

A estrea absoluta de Dique, a agardada nova produción de Nova Galega de Danza con dirección escénica de Marta Pazos, xa ten data e lugar. Será o 21 de xuño no Salón Teatro do Centro Dramático Galego (CDG) de Compostela. Desde esta terza feira xa é posíbel adquirir as entradas sun evento que se repetirá os 22 e 23 de xuño.

Dique é un espectáculo coproducido por Nova Galega de Danza e a Xunta da Galiza, a través do Centro Coreográfico Galego, que pon en diálogo a danza contemporánea e a danza tradicional galega nunha conversa que reflicte a conexión entre o pasado e o presente. A obra conta a historia do labor das mulleres na construción do Dique da Campá de Ferrol.

Na súa execución, entre 1874 e 1879, unhas 200 mulleres, as estibadoras, retiraron 245.000 metros cúbicos de terra e pedras que transportaron en 11.600.000 cestos sobre as súas cabezas -58.000 cada unha delas- cobrando menos que os homes.

No 150 aniversario do inicio da súa construción, a obra de enxeñaría hidráulica máis importante do século XIX, Nova Galega de Danza convidou a directora de escena Marta Pazos a realizar a súa homenaxe a aquela xesta. 

Directora artística, directora de escena de teatro e ópera, escenógrafa, dramaturga e artista visual, Pazos é unha das creadoras máis influentes da vangarda escénica estatal na actualidade. A súa obra destaca pola súa dimensión plástica e a súa emancipación estética.

Coa obra Dique que agora se estrea, a artista estrea a súa agardada primeira colaboración coa compañía Nova Galega de Danza, unha das formacións con proxectos singulares e innovadores da escena do país.

Comentarios