CRÍTICA DE CINEMA DAS SEXTAS FEIRAS

"En realidade nunca estiveche alí", un thriller que dá que pensar

enrealidade1
photo_camera Un fotograma do filme

You Were Never Really Here

(Reino Unido-Francia-EUA 2017, 95 min. – Thriller) 

Dirección e guión: Lynne Ramsay

Fotografía: Thomas Towned

Música: Jonny Greenwood

Elenco: Joaquin Phoenix, Ekaterina Samsonov, Alessandro Nivola, Alex Manette, John Doman, Judith Roberts

SINOPSE

Un veterano de guerra dedica o seu tempo a intentar salvar mulleres que son explotadas sexualmente. Un día recibe a chamada dun político porque a súa filla foi secuestrada.

CRÍTICA

Joaquin Phoenix é un dos actores máis demandados do momento. Nos últimos anos traballou baixo as ordes de xente tan prestixiosa coma Woody Allen (Irrational Man), Paul Thomas Anderson (The Master) ou Spike Jonze (Her). Directores que souberon sacar o mellor dun tipo cunha presenza e carisma capaces de lle impregnar valor engadido a calquera filme no que participe. Se por riba o acompaña un guión á altura pois o resultado adoita ser de tirar o chapeu. Non é de estrañar, por tanto, que En realidade, nunca estiveches aquí obtivera unha pechada ovación na súa estrea en Cannes, onde se fixo, precisamente, cos premios a Mellor Actor e Mellor Guión. 

A realizadora escocesa Lynne Ramsay adapta a novela curta homónima de Jonathan Ames sobre un ex marine (Phoenix) que traballa coma sicario/xusticeiro en casos de trata de mulleres. Un contundente inicio presenta un personaxe violento, expeditivo e sistemático. Calmado en repouso pero unha máquina de matar en acción. Un día recibe un encargo dun político que o contrata para que atope a súa filla. Os traumas do pasado rexorden con forza para poñelo ao límite. 

Un thriller existencial de vehemencia elexíaca no que, folga dicir, Joanquin Phoenix leva o peso da trama cunha interpretación de asasino traumatizado que, probablemente, o leve á cuarta nomeación dos Óscar da Academia de Hollywood (será a vencida?). Hai que resaltar tamén unha realización sempre na procura da orixinalidade, tanto na forma coma no fondo, tratando de discorrer por camiños menos transitados no xénero, basculando entre o cotiá, a ironía e a violencia elíptica. 

Hai frescura no filme de Ramsay, mais é imposíbel non evocar Wim Wenders (Alicia nas cidades), Park Chan-wook (Oldboy) ou Martin Scorsese (Taxi Driver). De feito En realidade, nunca estiveches aquí preséntase nos cartaces co subtítulo “O Taxi Driver do século XXI”. O dito, ten moitas cousas boas e rememora en parte aquela... pero tampouco nos pasemos. A de Scorsese é obra mestra indiscutíbel, a de Ramsay pode quedar en excelente... para públicos exixentes, claro. 

En realidade, nunca estiveches aquí é coma un sopapo que che rebenta as tempas. Críptica, desconcertante, brutal, incómoda. Por un intre cuestionaremos todo o que acabamos de ver para, a continuación, derivar nunha catarse colectiva de brutal clarividencia. Se che gustan as interpretacións ao borde da excelencia... adiante. Se non che molestan as temáticas difíciles... adiante. Se che gusta pensar tras saír da sala... adiante. Pero se queres cinema lixeiro tes infinidade de opcións na carteleira: Operación Cacahuete 2 por exemplo...

Comentarios