Entre marzo e xuño

Obradoiro de novela na Cidade da Cultura

“Unha actividade pensada para axudar a desenvolver o talento de novos valores na literatura galega”. Así define a Xunta o Obradoiro de Novela Cidade de Cultura que a fundación que xestiona o complexo vén de anunciar e que se desenvolverá entre o 1 de marzo e o 7 de xuño.
 

20190123_ObradoiroNovelaCidadedaCultura2
photo_camera De esquerda a dereita, os escritores Carlos Quiroga e Javier Peña, o director xeral de Políticas Culturais Anxo Lorenzo, a xerente da Fundación Cidade da Cultura Isabel Vázquez Reboredo e a editora e a axente Lourdes Díaz. Foto: Xunta.

O curso servirá, segundo a versión do Goberno galego, para que os participantes “aprendan da man de escritores e escritoras galegas de éxito”. A axencia literaria Rolling Words, promovida por Lourdes Díaz e coa que traballan autoras galegas como Xabier Quiroga, Arantza Portabales, Miguel Anxo Fernández ou Manuel Gago, encargarase da organización.

A compañía “brindará a súa experiencia no campo da edición e mesmo servirá de ponte ao profesionalismo cos talentos aínda por descubrir”. Na presentación da iniciativa, o director xeral de Políticas Culturais Anxo Lorenzo asegurou que os obxectivos do obradoiro serán “captar e exportar autores e autoras emerxentes, xerando unha comunidade dinámica onde os referentes compartan o seu coñecemento cos talentos aínda por descubrir”.

“En Galiza, a diferenza de noutros lugares, existe un certo baleiro en escolas de escritura creativa, especialmente naquela dirixidas a persoas adultas”, afirmou o escritor Javier Peña, un dos docentes canda Xabier Quiroga, Arantza Portabales, Miguel Anxo Fernández, Manuel Gago, Antón Riveiro Coello e Diego Giráldez. Porén, nos últimos anos en Galiza existe certo florecemento de obradoiros centrados, sobre todo, na poesía.

Nove sesións téoricas para 20 persoas -as prazas asignaranse por orde de matrícula- acollerán explicacións sobre o estilo, os xéneros narrativos, a creación de personaxes ou a estrutura e tempos da novela. Ademais haberá especialista do mundo editorial “que ofrecerán claves para adentrarse no mercado literario”.

Comentarios