Microfísica do debuxo: Luz Broto, David Ferrando Giraut, Martín Vitalitti, Antonio Gagliano, Françoise Vanneraud e Pedro Barateiro.
Datas: 2 Mar-17 Abril.
Lugar: A Normal (A Coruña).
Comisario: Sonia Fernández Pan
Quen sabe debuxar?
A apertura de Microfísica do debuxo semella un interrogante para todos aqueles que queiran achegarse a ela. Mais cunha mostra do que se está a facer neste intre en arte co lapis (xa advirto, dun modo contemporáneo) amosa a maior laxitude do que se pode denominar “debuxo contemporáneo”. Como ben di no magnífico A3 explicativo da exposición, “culturalmente pesa sobre o debuxo o estigma da técnica”.
Que o debuxo se considerou sempre a base da pintura, o croquis preparatorio, a axuda que debía ser lavada despois non é un segredo. Mais agora xa non é así. Polo menos para estes seis artistas que forman a mostra da Normal. Aquí hai instalacións que sen o concepto debuxístico serían orfas (coma a de Pedro Barateiro) onde a necesidade de ver o espazo entre as cousas é maior que a de ver as cousas propias. O debuxo define, ás veces, pola súa ausencia. O debuxo móvese coma a banda deseñada espacial de Hugo Pratt intervida por Martín Vitaliti. Ou convértese, na obra de Françoise Vanneraud, do tradicional bidimensional a unha forma 3D. A calidade da obra adquire un plus, xa non é a liña da paisaxe soamente á observar, é o volume e a incorporación humana á súa representación.
A comisaria Sonia Fernández Pan emprega ben o seu discurso para aclarar a afirmación “Eu non sei debuxar”
Así o debuxo non é só unha ferramenta de representación, é un mecanismo de descobrir o mundo. Sabemos relacionarmos co mundo máis aló do textual? A comisaria Sonia Fernández Pan emprega ben o seu discurso para aclarar a afirmación “Eu non sei debuxar”. Por que a maior parte de nós sabemos escribir pero non debuxar? Que significa debuxar hoxe en día?
Respostar todo isto é complicado, podemos ver a mostra e sacar conclusións propias, voltar á casa e tentar debuxar, cada un coma mellor poida. Se enrugamos o noso traballo e queremos botalo ó lixo, coidado! Pode ser iso o comezo dunha obra, sen lapis nin papel.