O etnógrafo ribeirán Francisco Antonio Vidal Blanco foi merecedor do Premio Laudamuco para textos teatrais na súa terceira edición. O autor concorreu ao certame con A vinganza de Fortimbrás e recibirá por ela 7.000 euros e mais a edición da peza en Edicións Positivas, convocante do galardón xunto coa Academia Galega de Teatro (AGT) e o Concello de Brión.
O xurado, integrado por xente vencellada á AGT, elixiu por unanimidade A vinganza de Fortimbrás entre 47 participantes e destacou “o evidente interese que este premio concita, maila os seus poucos anos de vida”. “É de supor que Roberto Vidal Bolaño estaría compracido”, engaden na comunicación.
A peza é “unha precuela que vén a dialogar co mito hamletiano no que o autor rearma a historia shakesperiana, como antes fixera Álvaro Cunqueiro, propondo unha relectura na que as personaxes secundarias do drama orixinal pasan a ser protagonistas”, explica o xurado. Tamén destaca “o uso da lingua, eficaz e diáfana, a axilidade dos diálogos, sempre en progresión, e unha sabia construción da andamiaxe teatral na que se adiviña o pulso de alguén que coñece os interiores da escrita dramática”.
O acto de entrega do premio está previsto para o día 16 de maio, cando Vidal Blanco sucederá a Raúl Dans e Xavier Lama, vencedores das dúas primeiras edicións.
Francisco Antonio Vidal Blanco é escritor e etnógrafo e desde 1977 colaborou con distintos medios, como A Nosa Terra, O Correo Galego, El Periódico de Arteixo e La Voz de Galicia. Ten publicado nove novelas na editorial Toxosoutos, catro ensaios e a peza teatral xuvenil A serea.
Rocío González recibe o Maruxa Villanueva
O Concello de Padrón outorgoulle á actriz Rocío González o XIX Premio de Interpretación Teatral Maruxa Villanueva, correspondente a 2020. O xurado acordou por unanimidade recoñecer a traxectoria desta actriz da que valoraron a súa “capacidade de crear unha personaxe complexa desde a contención expresiva”, como fixo coa Ada da obra Liberto. Tamén destacou o compromiso da intérprete na valoración dun modelo para o galego oral e a súa capacidade para “implicarse en proxectos moi diferentes”.
“Estou moi contenta por recibir un premio tan importante, que antes recibiron persoas que admiro enormemente pola súa excepcional traxectoria. Nunca o tería esperado, é unha verdadeira honra para min”, sinalou a actriz premiada.
O galardón entregarase en outubro nun acto no Auditorio Municipal de Padrón, coincidindo co Outono Cultural.