Cinema

A raia entre a Galiza e Portugal, protagonista da MICE

Diana Gonçalves e Iván Castiñeiras presentan os seus traballos en curso, Transfronteiriza e Deuses de pedra, sobre a fronteira Galiza - Portugal.
'Ignoti alla cità' de Cecilia Mangini.
photo_camera 'Ignoti alla cità' de Cecilia Mangini.

Diana Gonçalves trae este sábado, 23 de marzo, á Mostra Internacional de Cinema Etnográfico (MICE) o seu work in progress Transfronteiriza, unha instalación que parte da documentación recabada para creacións e proxectos audiovisuais anteriores, e que conta co apoio da MICE Museo do Pobo Galego e da Cámara Municipal de Melgaço (Portugal) así como coa colaboración doutras entidades e administracións de ambos países. A cita é ás 17 horas no Auditorio do Museo, no marco da sección Lindes, que nesta décimo novena edición da MICE adquire un carácter formativo.

O domingo será Iván Castiñeiras quen presente o seu proxecto en curso Deuses de pedra e quen, igual que Gonçalves, comparta coas persoas asistentes os seus procesos creativos.

Tamén o sábado, desde as 18 horas, en NUMAX, terá lugar a segunda sesión de Impropias, co Foco Cecilia Mangini conducido por Carolina Astudillo. Proxectaranse os filmes Ignoti alla città, La canta delle marane e Felice Natale, da pioneira do documental italiano.

Os filmes de Mangini retratan as marxes dunha Italia que, despois da guerra, entra nun vertixinoso proceso de industrialización. Mentres que a narrativa oficial se centra na modernidade e no futuro, o seu cine observa os traballadores e traballadoras, os labregos e labregas, os rituais rurais en perigo de extinción e os ritos suburbanos.

Ademais, a MICE acollerá a estrea do filme Postal, un percorrido por algunhas das obras da cineasta, investigadora e docente. Carolina Astudillo que exploran a relación entre o testemuño, os espazos e o tempo, coa muller e a memoria histórica como eixo articulador.

Sección oficial

As proxeccións dos filmes que compiten na sección oficial comezarán o sábado ás 17.30 horas na Ala Sur do Museo, con Vida e morte en Xikún, de Jiandong Huang. Xa a partir das 20 horas, o Teatro Principal acolle as proxeccións de dous dos filmes que compiten na sección Galicia: a estrea galega da curtametraxe 12 de maio de 1937, de Mar Caldas; e Lavadoiro, de Ana Amado e Lois Patiño, que contará con subtitulado específico para persoas xordas. A continuación, ás 22 horas, será a vez de El signo vacío, un filme de Kathryn Ramey que se proxectará por primeira vez na Galiza na 19ª MICE.

Comentarios