#sermos230: a Galiza subsidiada, un mito

Máis un número do semanario na rúa. Entrevistamos Luis Villares e Mercedes Peón, facemos balanzo ambiental do 2016, falamos con xente que aposta no país en temos de crise..todo isto e máis, xa na nosa loxa.

O Parlamento galego debaterá ao longo da presente lexislatura sobre o modelo de financiamento. Todas as forzas con representación no Hórreo teñen claro que a abordaxe dun novo sistema é ineludíbel, mais as posicións de partida son ben diferentes: mentres o BNG aposta nun concerto económico coma o vasco, PP e PSOE acreditan na reforma do modelo actual e En Marea avoga por un modelo confederal e cooperativo. Falamos de todo isto en ‘O Cupo, o sistema sustentábel’.

SG230En ‘A Coruña, ao mellor ofertante’, contamos como o Estado quere facer caixa con terreos públicos ao tratar de vender a cidade en anacos. Hai uns meses foi o Ministerio de Defensa con tres parcelas no Campo da Estrada, na Maestranza. Agora é a Autoridade Portuaria, institución dependente de Portos do Estado, quen quere vender o hotel Finisterre e o complexo deportivo da Solana. O obxectivo, o mesmo: facer caixa con terreos públicos.

Se algún acontecemento caracterizou o 2016 no eido ambiental foi a definitiva tirada da carauta do PP coa permanencia da pasteira en Pontevedra. Mais non só. O secretario executivo de ADEGA, Fins Eirexas, achéganos unha análise do que nos deixou o ano 2016 en materia medioambiental e os retos que fican por encarar neste 2017 que vén de comezar. Faino en ‘Balanzo ambiental de 2016: de Ence a Sogama’

“Non cremos nos liderados verticais”

Portavoz do grupo parlamentar de En Marea, Luis Villares está neste momento no ollo do furacán, en plenas primarias da organización. Encabeza a candidatura oficial, mais coa particularidade de que para tecer consensos” tivo que renunciar a dispor de dereito de voto na dirección. O seu discurso é que as cesións persoais están ben se con elas se garante a construción da unidade popular. “Organicamente non hai ningún artigo que me prohíba estar na coordenadora con voz e voto”.

‘Feijóo, ariete contra as nacións sen estado’. Voltou ao taboleiro político a Conferencia de Presidentes/as das Comunidades Autónomas. Non comparecía nel desde 2012. Un Rajoy con maioría absoluta optou por desfacerse do que aos seus ollos era un estorbo. Volta agora -o PP está en minoría e necesita apoiosmais con dúas ausencias moi significativas, Catalunya e Euskadi. Quen saíu a mallar nelas? Feijóo.

As responsabilidades penais arredor das caixas galegas parecen estar dilucidadas. Non así as políticas. Esa é, di a oposición, a tarefa da Comisión de Investigación que se reabre a segunda feira no Pazo do Hórreo. ‘Antigas caixas: todo por investigar’.

Internacional

‘A virada copernicana de Filipinas’. Con 102 millóns de habitantes e unha das economías máis dinámicas de Asia, Filipinas é un importante país do sueste asiático. Até agora fiel aliado dos EUA, o novo goberno racha amarras con Washington e tende pontes con China e Rusia. A política interna está marcada pola autoritaria “guerra antidroga” liderada polo presidente Duterte.

O responsábel do Departamento de Relacións Internacionais da CIG debulla a resposta que desde o movemento sindical se lle está a dar a nivel internacional á ofensiva do capital. Rivera Jácome aposta en consolidar un “contrapoder” sindical que combata desde a mobilización e o conflito as políticas de recortes. ‘O movemento sindical internacional diante da arremetida neoliberal’.

No editorial, no agro, nas novas tecnoloxías, no mar... xente que se move para erguer ou apuntalar proxectos co país como valor engadido. ‘Apostar no país en tempos de crise’. Foxen do cualificativo de “emprendedores” polas connotacións que o termo adquiriu nestes anos. Son persoas que, en diferentes e moi variados campos, apostaron en sumar para erguer proxectos que, facendo fronte a dificultades, repercutan máis aládun simple balanzo de resultados económicos. En análise deitamos a mirada no I+D para s empresas galegas.

Fóra de serie

Falamos con Yolanda Castaño, gozamos de propostas culinarias, coñecemos paraxes incríbeis como o dos Grobos da man do colectivo Xea... E adentrámonos na historia de María das Auroras, unha militante nacionalista de base contra o fascismo.

Entrevistamos Mercedes Peón. Sitúase a unha distancia sanitaria do sistema. Crea ela soa, desde a súa casa, no seu computador, nun país periférico, nunha lingua subalterna. Pero podemos vela en calquera festival do planeta. Por exemplo, nos próximos Womad (o maior festival de world music) en Australia e Nova Celandia. E, no pasado Womex xuntou unha chea de xornalistas, ávidos de escoitar un par de petiscos do seu novo traballo, que ela lles explicou desde a súa posición no mundo e tirando da teoría do colonialismo. Sairá en maio. “A miña maior influencia vén das mulleres incríbeis dos microhábitats que visitei desde os 13 anos”.

A Real Academia Galega de Belas Artes, a Fundación Carlos Casares, a Real Academia Galega, O Consello da Cultura Galega e a editorial Galaxia organizarán diversas actividades arredor das figuras de Maruxa Mallo e Carlos Casares.

E non faltan as achegas de Luz Darriba e Antón Losada. As seccións de Xoán Costa e Pepe Barro. A crítica literaria de Mario Regueira e de cinema de Andrés Castro. Laura Rey debúllanos ‘As mans da terra’ e Manuel Xestoso cóntanos de ‘Conto de inverno’.

Máis en CULTURA
Comentarios