Talabarte presenta 'Fake', o seu novo libro-disco

Chega o Nadal, tempo de estreas de discos. A vindeira será 'Fake', o novo disco de Talabarte que chegará ás tendas o 18 de novembro. A obra sairá á venda nun CD de 12 temas inserto nun libro con ilustracións de P. Pastor e textos de Carlos Meixide. 

Talabarte (1)
photo_camera Talabarte

Despois de publicar o seu primeiro traballo discográfico, o trío Talabarte, formado por Quim Farinha -violín-, Pedro Pascual -acordeón diatónico- e Kin García -contrabaixo- levaron a súa música por teatros, auditorios e diversos festivais da Península Ibérica, Bretaña, Portugal e Serbia. Agora están a traballar en 'Fake', o seu segundo disco, que estará nas tendas e nas plataformas dixitais o 18 de novembro.

Compilan historias reais e ficticias con ritmos da tradición europea e até de alén do Atlántico

“Cóntase que os Talabarte viaxaron durante 15 anos a bordo do Tradincerto, e descubriron unha serie de historias que espertaron o seu interese e fascinación". Deste xeito preséntase Fake. Compilan historias reais e ficticias con ritmos da tradición europea e até de alén do Atlántico: mazurcas, schottish, milongas, polskas ou tarantellas.

O trío formouse no 2004 despois de tres anos compartindo experiencias musicais. Os seus nomes están vencellados con proxectos de música galega coma Berrogüetto, Marful, ou prestixiosos músicos de jazz como Jorge Pardo, Walter White ou Steve Brown. Ademais, destacan polo deseño de concertos singulares como o caso de 'Ao son da Cociña', no que mesturan a música en vivo e de creación propia coa cociña de autor. 

Máis en CULTURA