Todo o que o cinema nos vai traer en 2017

Pasen e vexan a selección de fitas que o noso crítico de cabeceira nos antecipa para o xa inminente 2017.

avance2017

INICIO DE INFARTO

Comeza o ano cunha batería de filmes que quitan o impo. Amarren o cinto que veñen curvas: Silencio de Martin Scorsese (5 de xaneiro); a multipremiada Mimosas de Oliver Laxe (5 de xaneiro); o agardado neo-musical La La Land de Damien Chazelle (13 de xaneiro); a divertidísima e marciana Toni Erdmann de Maren Ade, que vén de arrasar nos Premios do Cinema Europeo (20 de xaneiro), e tamén o novo de Ben Affleck -Vivir de noite-, Sean Penn -The Last Face- e Ang Lee -Bill Lynn- (27 de xaneiro). Entrando no mes de febreiro, un par de probables sleepers con moi boas críticas: Manchester fronte ao mar de Kenneth Lonergan (3 de febreiro) e Moonlight de Barry Jenkins (10 de febreiro). 

Alguén dá máis en tan pouco tempo?... pois si, porque a cousa non queda aí, así que, como diría Jack o Destripador, “vaiamos por partes”...

PÓQUER DE ASES

Hai que agardar até mediados de ano para que vaian caendo catro das máis agardadas do ano: Alien Covenant, de Ridley Scott (19 de maio), Dunkerque de Christopher Nolan (21 de xullo), Blade Runner 2049 de Denis Villeneuve (16 de outubro) e, para rematar o ano, un redobre, por favor... Star Wars VIII (15 de decembro) dirixida, desta volta, por Ryan Johnson. Para marcar a lume no calendario... ou que?

BLOCKBUSTERS

Por suposto non podía faltar un ano repleto de secuelas, superheroes e spin-offs de universo DC vs. universo Marvel. Por unha banda temos a un Hugh Jackman taciturno e moíno que se porá de novo as gadoupas de Lobeto en Logan (3 de marzo), un spin-off ao compás de Johnny Cash que promete ser diferente a todo o que se viu até o de agora na saga X-Men. Seguimos co universo Marvel coa secuela de Gardiáns da Galaxia (28 de abril), tamén veremos Tom Holland enfundado de novo en mallas azul-vermellas en Spiderman Homecoming (7 de xullo) e Chris Hemworth empuñando o martelo do trono en Thor Ragnarok (21 de outubro). O universo DC contraataca con Gal Gadot vestida de Wonder Woman (23 de xuño) e, de novo ela, acompañada por Superman, Batman, Aquaman, Flash e Linterna Verde para crear A Liga da Xustiza (17 de novembro). Algo me di que “gañará” de novo a Marvel...

No horizonte, tres potentes secuelas rivalizarán cos superheroes na billeteira: Kong, a Illa Caveira (10 de marzo), Piratas do Caribe 5 co aliciente dun desatado Javier Bardem (26 de maio) e A guerra do planeta dos simios de Matt Reeves (14 de xullo), que tratará de seguir explotando o filón da motion-capture sobre un Andy Serkis xa encasillado neste tipo de roles.

ANIMACIÓN

Os máis pequenos, e non tan pequenos, terán a súa dose de dibus. Comeza o ano co notición do retorno, en coprodución con Francia, do Studio Ghibli con A tartaruga vermella (13 de xaneiro). Se non hai cambios de última hora, a mediados de febreiro poderemos ver Psiconautas o filme do coruñés Alberto Vázquez nomeado aos Goya, que adapta a súa propia banda deseñada xunto a Pedro Rivero. O Mellor Filme en Annecy e nos Premios do Cinema Europeo, A vida de Cabaciña, chegará o 3 de marzo. Tampouco faltan as secuelas coma Lego Batman (10 de febreiro), Gru 3 (30 de xuño), Tadeo Jones 2 (25 de agosto) ou Cars 3 (4 de agosto), que conta cun inquietante cartaz que pode dar un “xiro” moi interesante á franquía de Raio McQueen. Aínda sen data de estrea, a produción galego-mexicana Dia de mortos ou a interesante Memorias dun home en pixama de Paco Roca.

ADAPTACIÓNS LITERARIAS

Nestas escolma tamén hai espazo para unha das principais fontes dos guións cinematográficos: as adaptacións literarias. A destacar: O gardián invisible (3 de marzo) baseado na triloxía do Baztán de Dolores Redondo; A Torre Escura e o remake de It, ambas de Stephen King; outro remake, o do Asasinato no Orient Express de Agatha Christie (24 de novembro), da man de Kenneth Branagh que, a priori, semella un desesperado intento de relanzar a súa carreira poñéndose detrás e diante da cámara encarnando o famoso detective belga Hercules Poirot; e, aínda sen data de estrea, A estación violenta, a esperada adaptación da novela do escritor e xornalista pontevedrés Maniel Jabois.

FANTÁSTICO/TERROR

Os afeccionados máis frikis terán un amplo menú onde elixir. Comeza o ano con Train to Busan (5 de xaneiro) de Yeon Sang-ho, unha das máis aclamadas pelis de zombies do ano pasado; se despois da coreana quedan gaña de ver máis cadáveres, cita obrigada con A autopsia de Jane Doe (13 de xaneiro), que promete unha experiencia inesquecíbel; continúa o mes coa xaponesa Shin Godzilla (20 de xaneiro), tratando de recuperar o xénero kaiju; The Girl with All the Gifts (3 de febreiro) saciará a sede de flema británica en mundos distópicos afectados por pandemias zombies; unha contraindicada para veganos de título Raw (17 de marzo); e, para amantes do anime/manga, a adaptación con persoas reais de Ghost in the Shell (31 de marzo), persoas tan reais coma Scarlett Johansson, Juliette Binoche, Michael Pitt ou o gran Takeshi Kitano

CINEMA DE AUTOR

Haberá espazo para eses filmes que duran menos na carteleira que unha ración de raxo cando saio de tapas cos meus amigos koruños... Desde Finlandia O día máis feliz na vida de Olli Mäki (3 de febreiro), Premio FIPRESCI nos Premios do Cinema Europeo e Mellor Filme “Un Certain Regard” en Cannes; directamente desde Sundance, O nacemento dunha nación (17 de febreiro), filme de selo independente sobre a escravitude; desde Irán The Salesman (3 de marzo), Mellor Guión e Actor en Cannes; os irmáns Dardenne volven a carga con A moza descoñecida (3 de marzo), pouco máis que engadir...; e, desde o Brasil, Aquarius de Kleber Mendonça Filho, adaíl de denuncia contra as políticas de Michel Temer.

GRANDES ESPERANZAS

E despois están eses filmes con moi boa pinta que tamén activan, en letras de neon, as alertas de “posible decepción”. M. Night Shyamalan tratará de reconquistar a público e crítica con Split (20 de xaneiro), un thriller sobrenatural sobre personalidades múltiples; Zhang Yimou non soe fallar, mais con Hollywood metido no medio do seu útlimo filme, A gran muralla (17 de febreiro), todo pode pasar; Denzel Washington segue a probar sorte na dirección con Fences (24 de febreiro), un filme sobre o racismo ambientado nos anos 50 que interpreta xunto a Viola Davis; xa en marzo Danny Boyle estrea T2, a segunda parte de Trainspotting, seguro que era necesaria?, veremos...; tamén terá segunda parte Guerra Mundial Z, con estrea prevista en xuño... debería estar no parágrafo de “Para fuxir por patas” mais, se é certo que vai estar dirixida por David Fincher, pois xa a cousa cambia bastante...

PARA FUXIR POR PATAS

Innecesarias, de recheo, infumábeis, para “non pensar”, truñacos... a priori, of course. A saber: Underworld: Guerras de sangue (13 de xaneiro), XXX: Reactivado (20 de xaneiro), Residente Evil 6 (3 de febreiro), Cincuenta sombras máis escuras (10 de febreiro), Fast & Furious 8 (12 de abril), Transformers 5 (28 de xullo) e remata o ano con Jumanji (22 de decembro). Logo non veñades a dicir que non vos avisei... 

EN PROXECTO

Rematamos cunha escolma do audiovisual galego aínda en posprodución que, posiblemente, vexa a luz no 2017. Semana grande de Isabel Ayguavives; Trote e Ana e o futuro, ambas de Xacio Baños; A visitante de Alfonso Zarauza; o documental Trinta Lumes de Diana Toucedo; e o último de Oliver Laxe, Aquilo que arde, que xa anda a pulular por festivais como o de do CineMart de Rotterdam... e o que está por vir. 

En fin, non son todas as que son máis si todas as que están. E non me fagan moito caso... vaian ao cinema, vexan cine e decidan por si mesmos que é o que máis lles presta.

Máis en CULTURA
Comentarios