Crítica de cinema das sextas feiras

Train to Busan

Seok viaxa coa súa filla no tren Seúl-Busan para celebrar o aniversario da pequena coa súa nai biolóxica. Pronto descobren que todo o país está infectado por un virus zombi, e no tren tampouco están a salvo.

busan2 (1)

Un ano si, e outro tamén, a sección “Fantastique” do Cineuropa Compostela continúa a ser cita imprescindíbel para todo afeccionado ao cinema de terror. Nesta edición tampouco decepciona. Abrangue unha escolma ben xeitosa na que cabe destacar Train to Busan, unha dos filmes máis galardoados do pasado Festival Internacional de Cinema Fantástico de Sitges (Mellores Efectos Especiais e Mellor Director).

Estamos ante unha peli de zombis ao uso máis coa acción centrada nun tren engadindo así un interesante grao de claustrofobia que mellora o asunto. É algo así como un suma e sigue de Snowpiecer (todo acontece nun tren) + The Host (no tratamento das persecucións) + 28 días despois (no referente aos contaxios) + Guerra Mundial Z (con zombies “amontoados” como naquela mais con mellor acabado que o refugallo protagonizado por Brad Pitt). Dirixe Yeon Sang-ho na súa primeira longametraxe fora do campo da animación para adultos. De feito Train to Busan é unha sorte de continuación, feita en acción real, de Seoul Station, fita animada presentada ao mesmo tempo e que conforma un díptico-precuela que matiza como se orixinou o virus...

Como en todo filme oriental que se prece, a evolución no comportamento das personaxes é unha das bazas esenciais da trama. Do egoísmo inicial, o medo e as liortas por ver quen lidera a voz cantante, pasan ao colaboracionismo, o desapego e o sacrificio polo ben común. Conta cunha subtrama ben sinxela que sirve de mcguffin para situar a acción no medio do desastre.

Pai e filla viaxan no tren de alta velocidade desde Seúl para festexar o aniversario da pequena xunto coa nai que vive en Busan, a máis de 400 quilómetros. Nada máis subir ao tren comezan a presenciar xente atacando a outra con extrema violencia. Ala! xa a temos leada, a apocalipse zombi está servido. Pronto aparecen outras personaxes que darán algo de vidiña ao asunto: un equipo adolescente de béisbol, unha moza embarazada, o seu mozo loitador, unha parella de señoras maiores e si, tamén un político malencarado para aportar a pertinente carga de crítica social. Hai que escapar dos zombis mais tamén lidar co peor do ser humano. Si, a trama discorre por camiños trillados até a saciedade e non aporta moito que non se vira antes, mais pouco importa xa que Train to Busan dá todo o que se pode agardar dun filme deste tipo: sangue, vísceras, canibalismo, infeccións sorpresa, pánico incontrolábel e moito suspense. Se a maiores engadimos uns logrados efectos visuais e un final que consegue aflorar a bágoa, pois xa paga a pena darlle unha oportunidade a este entretemento puro e duro con certo espazo para a reflexión... para afeccionad@s ao xénero, claro.

TRAIN TO BUSAN

Busanhaeng

(Corea do Sur 2016, 118 min.)

Dirección e guión: Yeon Sang-ho

Fotografía: Lee Hyung-deok

Música: Jang Young-gyu

Elenco: Yoo Gong, Ma Dong-seok, Jeong Yu-mi, Kim Eui-sung, Ahn So-hee, Kim Soo-an, Choi Woo-sik

Máis en CULTURA
Comentarios