Volve a Horta das Chás "máis inesperada"

Emma Couceiro dará a coñecer algúns dos seus novos poemas.
Xornada da Horta das Chás na súa anterior edición. (Foto: Chan da Polvora)
photo_camera Xornada da Horta das Chás na súa anterior edición. (Foto: Chan da Polvora)

A Horta das Chás supuxo na súa inauguración a apertura dun ámbito privado de gran singularidade no centro de Compostela. Trátase dun predio de seiscentos metros cadrados, situado no soto do número 37 da Corredoira da Fraguas, que forma parte dunha área de cultivos entre as rúas Quiroga Palacios, Vedor, Ferreiro Leis, Clavixo e Fraguas.

A denominación de Horta das Chas recolle a disposición en socalcos deste predio, onde tamén se asenta unha das institucións máis activas do barrio de San Pedro, a asociación A Xuntanza.

Aínda que este espazo alternativo para a poesía ficou inaugurado en xuño de 2020, a pandemia obrigou a adiar a posta en marcha do seu programa e só este ano comezou a ser efectivo. Tras as celebracións, o pasado 28 de xuño, do sexto aniversario da editorial Chan da Pólvora, o programa estábel botou a andar o 24 de xullo con Clo Plas, un proxecto performativo impulsado pola poeta Xiana Arias e Berio Molina.

O programa continúa este 25 de agosto con Emma Couceiro, que dará a coñecer algúns dos seus últimos poemas. Nacida en Cospeito (1977), Emma Couceiro é autora dalgúns dos poemarios de referencia da denominada Xeración dos 90, como Humidosas e As estrañas horas. O seu último título, Cito, apareceu hai case vinte anos e marcou o inicio dun silencio que “só agora parece chegar ao seu fin”.

O día 26, será a quenda de Afonso Traficante. O artista naceu en Ferrol, pero séntese de Ordes, a vila na que medrou e na que sentiu a chamada da música e da poesía, as dúas expresións que dominan no seu marco creativo. 

Virtuoso do vibráfono, instrumento no que se perfeccionou en Portugal, Traficante é unha das voces da poesía recente galega que é capaz de crear atmosferas de cadencia enigmática. Para a Horta das Chas  preparou un espectáculo no que recita ao vivo sobre unha música que compuxo previamente.

Será, de feito, a súa primeira incursión na música electrónica.  Xa en setembro, será a quenda de Miro Villar, o día 8, cando achegará ao público a súa obra máis recente; e de Rafael Lobelle (16 de setembro); Ana Romaní e Chus Silva (17 de setembro); Cesáreo Sánchez (21 de setembro); Alicia Fernández e Eduard Velasco (23 de setembro); Lorena Souto (29 de setembro); e o grupo das Lupercais (30 de setembro).

Comentarios