O Celta tropeza na casa e continúa adiando a salvación

Os celestes, que levan só cinco puntos dos últimos 24 en xogo, perderon 1-2 co Valencia.
O '10' leva sete meses sen ser o protagonista nas celebracións. (Foto: LFP).
photo_camera Aspas xogou cun problema nas costas (Foto: LFP).

Nova derrota do Celta, esta vez na casa e ante un rival directo na loita pola salvación, o Valencia (1-2).

Os celestes, que suman tan só cinco puntos dos últimos 24 posíbeis, están sumidos nunha espiral descendente que semella non ter fin e que pon en perigo unha continuidade na máxima categoría que hai mes e medio semellaba absolutamente garantida.

As sinais, con independencia do resultado de hoxe, son máis que preocupantes, porque a unha astenia goleadora cada vez maior -leva tres goles en seis partidos- únese o deplorábel estado físico de varios dos homes máis importantes nos esquemas de Carlos Carvalhal, como son Iago Aspas -que hoxe xogou con problemas nas costas-, Hugo Mallo ou Gabri Veiga.

Non obstante, e como non todo foi negativo, o resultado xusto en Balaídos sería o empate, un premio menor para unha afección que non fallo á cita cos seus antes e despois do partido.

Adiantouse o Valencia da man de Justin Kluivert -fillo do lendario dianteiro do Barcelona- no minuto 8, empatando o Celta xa no 60 grazas aos 1,89 metros de altura de Haris Seferovic, que sacou petróleo da súa superioridade física á saída dun córner excelentemente lanzado por Fran Beltrán.

E, cando a escuadra olívica deixara ben claro que estaba satisfeita coas táboas, un Valencia con máis fame marcou o definitivo e devastador 1-2 tamén de cabeza, cun testarazo do prometedor canteirán Alberto Marí.

Agora, e como dixo Carvalhal na rolda de prensa previa ao partido, "a pesar de que a actitude foi boa, toca mellorar a concentración na próxima xornada".

Ese encontro será contra un difícil rival como é o Athletic Club, en San Mamés, o sábado 20 de maio ás 20.45 horas.

Comentarios