A Deputación da Coruña crea un trofeo de fútbol amateur

A competición está garantida en todas as categorías. (Foto: Deputación da Coruña).
photo_camera A competición está garantida en todas as categorías. (Foto: Deputación da Coruña).

A I edición da Copa de Fútbol Afeccionado Deputación da Coruña xuntará a elite deste segmento para disputar un evento que reunirá os conxuntos da modalidade masculina e feminina que gañaron as Copas oficiais da Real Federación Galega de Fútbol no territorio correspondente á provincia herculina: a Copa da Coruña, a Copa da Costa da Morte, a Copa Ferrol e a Copa do Sar.

A competición terá lugar no mes de xuño no Concello de Oleiros ao longo de dúas semanas diferentes, pois as semifinais desenvolveranse o domingo 16 e as finalísimas o sábado, día 22, cun sistema de eliminatorias a un só encontro. En caso de empate, incluída a final, rematarase coa igualdade no marcador a través dunha quenda de penaltis. 

Os bloques gañadores deste campionato conseguirán praza para a Supercopa Deputación, onde medirán forzas cos vencedores das outras probas análogas que organizan as deputacións de Lugo, Pontevedra e Ourense. Ademais, o vencedor desta Supercopa Deputación participará na fase previa da Copa do Rei.

Técnicos e adestradoras reúnense na Galiza

A RFGF anunciou que 'O Camiño do Futgal', alcume co que é máis coñecido o Congreso Internacional de Adestradores de Fútbol e Fútbol Sala, regresará  para a súa terceira edición os próximos días 7 e 8 de xuño.

Responsábeis técnicos de clubs, seleccións, psicólogas deportivas, ex xogadoras de fútbol, coaches motivacionais ou directores deportivos procedentes doutros deportes con recoñecemento a nivel mundial -como Julen Lopetegui ou Montse Tomé- conformarán un equipo de máis de 20 profesionais de renome dentro e fóra de Estado que se darán cita no Pazo de Exposicións e Congresos (Palexco) da Coruña.

Comentarios