Vigo marca o final da Copa de España de Ciclismo en Estrada

As múltiples ascensións favorecen os escaladores.
O percorrido atravesará até 12 concellos diferentes na contorna da cidade olívica. (Foto: Vigo-Rías BAixas).
photo_camera O percorrido atravesará até 12 concellos diferentes na contorna da cidade olívica. (Foto: Vigo-Rías BAixas).

A Copa de España de Ciclismo en Estrada regresa á cidade olívica por cuarta ocasión, mais faino con novidades, porque estreará final. O certame, organizado polo equipo Vigo-Rías Baixas, exerce de novo a modo de colofón do calendario estatal cun dos percorridos máis esixentes da tempada.

Este itinerario constará de 180 quilómetros, con seis portos de montaña -dous deles de primeira categoría- e unha chegada en alto no corazón vigués que non será puntuábel para a propia clasificación da montaña. 

Coa saída prevista ás 10.45 horas do domingo 19 de maio na Praza do Rei, decorrerá por até 12 concellos da contorna. Así, após abandonar Vigo, o pelotón atravesará Nigrán antes de encarar en Baiona o primeiro coloso da xornada, o Alto da Groba. De primeira categoría, a ascensión a este porto de 9,5 quilómetros de lonxitude e un desnivel medio de 6% dará paso a territorio oiense e tomiñés, onde os ciclistas afrontarán outra dificultade montañosa, o Alto da Tebra, de terceira categoría.

Unha vez deixado atrás, regresarán a Nigrán para volver pór a proba a súa resistencia no Monte Alba -porto de segunda categoría- e o Premio Especial Polígono da Pasaxe en Gondomar, situado no quilómetro 78.

O ecuador desta cita será no Porriño, onde agarda a segunda subida da xornada de primeira categoría, o Monte Aloia, cos seus 7,2 quilómetros ao 7,9% de pendente media, que a afección ao deporte das dúas rodas lembrará porque foi o final dunha das etapas da última edición de O Gran Camiño, facéndose coa vitoria Jonas Vingegaard.

Malia que nesta ocasión os protagonistas son corredores da categoría elite/Sub-23, o espectáculo está garantido para todas as persoas que decidan contemplar o espectáculo desde as cunetas, pois na liña de saída estarán os mellores do panorama estatal. 

Logo, superado o Aloia, a carreira iniciará o retorno á cidade olívica vía Ponteareas, Mondariz e Pazos de Borbén -onde se atopa a última subida puntuábel, o porto da Fonte dos 100 anos-, lugar que marcará os últimos 20 quilómetros do percorrido da Copa de España.

Desde ese momento brillarán as novidades implementadas pola organización, pois a diferenza de ocasións anteriores accederase a Vigo vía Redondela, sendo os derradeiros cinco quilómetros completamente urbanos, sobre rúas tan coñecidas como a Avenida de Bos Aires,  Sanxurxo Badía, García Barbón, Colón, Urzaiz, Venezuela e Paseo dos Cedros, no Monte do Castro, o que significa que a chegada -prevista ás 15.30 horas- obrigará aos ciclistas a resistir outra ascensión cando as forzas estarán máis ao límite.

Campionato da Galiza Contra o Reloxo Individual

Sen deixar o ciclismo en estrada, pero movendo o foco ao ámbito exclusivamente galego, a Pobra do Brollón acollerá neste 2024 o Campionato da Galiza Contra o Reloxo Individual.

Programada tan cedo como esta sexta feira, co gallo das Letras Galegas, nesa localidade da Terra de Lemos citaranse até 200 especialistas nas categorías infantil, cadete, júnior, elite/Sub-23, máster e paraciclismo.

Para o vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro, entidade que colabora cun evento que chega da man da Federación Ciclismo Galego (FCG), o seu obxectivo é "empregar o ciclismo como plataforma para promocionar a riqueza natural e o patrimonio das comarcas de Lugo".

Comentarios