O Descenso Internacional do Miño reunirá 100 padexeiras en Lugo

Regresa a proba decana do piragüismo galego.
A cita será o sábado 18 de maio. (Foto: CP Cidade de Lugo).
photo_camera A cita será o sábado 18 de maio. (Foto: CP Cidade de Lugo).

A proba decana do piragüismo galego e a segunda máis antiga do Estado español regresa á súa cita anual: a LXVII edición do Descenso Internacional do Miño de Lugo disputarase este sábado, 18 de maio.

Preto de 100 padexeiros e padexeiras de 22 clubs diferentes -os máis importantes da Galiza, Asturias, Madrid e Andalucía- tomarán a saída en Rábade ás 18 horas co obxectivo de completar un percorrido de 18 quilómetros que terá situada a liña de meta na Ponte Romana de Lugo

Entre os nomes propios máis destacados na lista de inscritas e inscritos brillan os de dous dos padexeiros que máis veces gañaron este Descenso Internacional do Miño: Jesús Rodríguez León e Paco Vázquez.

Nesta ocasión, Vázquez, o gran dominador histórico da proba en K-2, compartirá embarcación con Rodríguez León, que é quen máis veces gañou o descenso en categoría individual (K-1), polo que un dos atractivos neste 2024 será ver traballando xuntos a dúas das maiores lendas da historia do certame lucense.

Ademais, e "despois da gran acollida que tivo o ano pasado", segundo destacan desde a organización, nesta ocasión volverá desenvolverse o Descenso Popular. Do mesmo modo que no Internacional, os e as 60 participantes previstas tomarán a saída en Rábade, aínda que no seu caso ás 16 horas e con dirección a unha liña de meta instalada en Outeiro de Rei, a unha distancia de catro quilómetros.

Comentarios