O BNG acusa o PP de bloquear a Comisión de Contas

A formación nacionalista vai rexistrar no Parlamento unha petición formal para que se convoque este órgano do Parlamento.

A deputada electa do BNG Noa Presas nunha foto de arquivo. (Foto: Arxina)
photo_camera A deputada electa do BNG Noa Presas nunha foto de arquivo. (Foto: Arxina)

O BNG considera que o PP está a bloquear a Comisión do Consello de Contas do Parlamento, que leva xa máis dun ano sen reunirse e acumula en torno a vinte e cinco informes remitidos polo órgano fiscalizador e pendentes de avaliación.

A portavoz de Facenda do BNG, Noa Presas, asegura, a través dun comunicado, que “é unha mostra máis da falta de transparencia da Xunta e do menosprezo ao Parlamento da Galiza e ao propio Consello de Contas”.

A deputada nacionalista denuncia que é un deber dos grupos con representación na Cámara avaliar os informes que emite o órgano fiscalizador “sobre temas tan importantes como as contas do Sergas, a xestión dos fondos europeos ou as peaxes na sombra”.

En opinión de Noa Presas, resulta “escandaloso” que o PP aínda non teña activada esta comisión, que mantivo o seu último encontro o 13 de abril de 2023, unha reunión -lembrou- que deu lugar á aprobación en pleno da Conta Xeral da Galiza de 2020.

Porén, Presas afirma que está pendente aínda o debate e aprobación da Conta Xeral do 2021, remitida polo ente fiscalizador en xullo do ano pasado, e a correspondente a 2022, recentemente entregada no pazo do Hórreo.

“A convocatoria de eleccións non xustifica que esta comisión non estea nin sequera prevista”, manifestou Presas,  para quen o bloqueo responde ao interese do PP de ocultar información ao Parlamento “co obxectivo de que non se vexa a chapuza da súa xestión”.

“Falan moito de rexeneración democrática pero logo impiden que haxa transparencia”, como veñen de facer -engadiu- ao vetar no Parlamento a creación dunha comisión de investigación sobre os contratos de emerxencia, sen concurso público, licitados pola Xunta durante a pandemia.

44 millóns de euros de máis

De feito, entre os informes que esta comisión permanente non lexislativa ten pendentes de avaliar figura a fiscalización do impacto da pandemia da Covid-19 no ámbito da contratación do Sergas, na que o Consello de Contas atopou tanto irregularidades como actuacións que non se axustan a lei, tal e como denunciou tamén o BNG.

Agardando a ser estudados pola Comisión de Contas atópanse tamén os informes recentemente publicados que cifran as achegas da Xunta á sanidade privada en preto de 226 millóns de euros en 2022,  amosando a “privatización do Sergas”, salientou a deputada.

Para dar conta da relevancia da comisión, Presas referírese así mesmo ao informe do órgano fiscalizador que concluíu que a Xunta paga 44 millóns de euros de máis polas autovías con peaxe na sombra.

Todas estas cuestións xustifican, avanza Presas, a petición formal que o BNG vai rexistrar no Parlamento para que se convoque este órgano do Parlamento e os deputados poidan facer o seu traballo de fiscalización ao Goberno da Xunta da Galiza.

“O compromiso do Bloque é coa transparencia, o rigor e co traballo que nos encomendaron os galegos e as galegas como líderes da oposición”, aclara Noa Presas

Comentarios