Xustiza

Rubiales recibe a notificación de apertura de xuízo e cuestiona Jennifer Hermoso

A Fiscalía solicita dous anos e medio de cárcere.
Rubiales, comparecendo ante os medios. (Foto: Europa Press).
photo_camera Rubiales, comparecendo ante os medios. (Foto: Europa Press).

O ex presidente da Real Federación Española de Fútbol, Luis Rubiales, desprazouse durante esta sexta feira até a sede da Audiencia Nacional, en Madrid, onde recibiu a notificación de apertura de xuízo oral na súa contra polo bico non consentido á futbolista Jennifer Hermoso logo da final do pasado Mundial de fútbol que tivo lugar en Australia e Nova Zelandia.

Xunto a el, para o que a Fiscalía solicita dous anos e medio de cárcere -18 meses por un delito de agresión e outros seis por un de coaccións-, tamén acudiron dous dos tres restantes procesados no caso: o ex seleccionador feminino estatal, Jorge Vilda -actualmente á fronte da selección marroquina- e o que fora responsábel de márketing da RFEF, Rubén Rivera. 

O recentemente destituído do seu cargo como director deportivo do combinado estatal, Albert Luque -quen como futbolista defendera as cores do Deportivo entre os anos 2002 e 2006-, pola súa parte, decidiu recoller a notificación nos xulgados de Terrasa (Catalunya).

A diferenza de Rubiales, para Vilda, Rivera e Luque o Ministerio Público  reclama unicamente un ano e medio de prisión, pois considera que tan só cometeron un delito de coaccións, e non o de agresión sexual, como lle imputa a Luis Rubiales.

Todos eles teñen agora 24 horas, a contar desde a sexta feira, para depositar en concepto de responsabilidade civil unha fianza que no caso dos tres colaboradores anteriormente mencionados é de 16.25o euros, mentres que no caso do antigo mandatario da RFEF ascende aos 81.250 euros.

Este, ás portas da Audiencia Nacional, aproveitou a presenza dos medios de comunicación para atacar Jennifer Hermoso, acusándoa de "cambiar a súa versión" tras "só uns días", mentres que el, sostén, sempre afirmou "o mesmo". 

Comentarios