Fútbol

A PREVIA | O Celta ten todo a favor para fechar a permanencia

Agora si. O Real Club Celta de Vigo está ante unha oportunidade para, como fan os bos estudantes, evitar deixar a tarefa para o último día. Pola súa parte, o Rácing de Ferrol apura as súas opcións de xogar o play-off no campo do histórico Zaragoza, mentres que na Primeira RFEF brilla o derbi entre Arenteiro e Fortuna.
O partido poderá seguirse pola pequena pantalla, pero un grupo de 300 seareiros e seareiras viaxará convidado polos xogadores olívicos. (Foto: RC Celta).
photo_camera O partido poderá seguirse pola pequena pantalla, pero un grupo de 300 seareiros e seareiras viaxará convidado polos xogadores olívicos. (Foto: RC Celta).

"Agora si, non?". O renacido optimismo arredor do Real Club Celta de Vigo logo da épica remontada ao Athletic de Bilbao a pasada terza feira, que deixou practicamente atada a permanencia en Primeira División durante un ano máis, inunda de ánimos os peitos celestes de cara ao choque do domingo co Granada Club de Fútbol (Os Cármenes, 19 horas).

Os números sustentan esa confianza da parroquia celtista, pois con 37 puntos, cinco máis que o conxunto que marca o limiar do descenso (Cádiz) cando restan tan só seis por disputar, senllos empates bastaríanlle aos pupilos de Claudio Giráldez para lograr o obxectivo. De feito, a única carambola -nunca mellor dito- que a día de hoxe levaría o Celta a Segunda sería un triplo empate a 38 puntos co propio Cádiz e un Mallorca que suma 36.

Pero todos eses cálculos serán innecesarios se a escuadra olívica logra superar o penúltimo clasificado, un Granada que descendeu matematicamente hai xa unha semana. Non obstante, faría mal en baixar a garda e vender a pel do xabaril antes de cazalo, como dicía Panoramix o druída nas 12 probas de Astérix, pois a pesar da súa situación na táboa a formación andaluza demostrou que na casa mellora substancialmente as súas prestacións, gañando dous dos seus tres últimos compromisos nos Cármenes, mentres que no último caeu co flamante campión ligueiro, o Real Madrid.

De cara a ese desafío, e pese a que tratar de vaticinar un 11 inicial de Claudio Giráldez resulta case tan complicado como facelo co número do Euromillón,   o preparador porriñés podería optar por Vicente Guaita na portería -no caso de estar recuperado do proceso vírico que lle impediu xogar ante o Athletic-; Starfelt, Núñez e Mingueza como centrais; Manquillo e Hugo Álvarez nos carrís; Fran Beltrán e Jaílson no centro do campo; e Aspas, Larsen e Swedberg como tridente ofensivo.

O tren do 'play-off' do Rácing pasa por Zaragoza

A estación de ferrocarril de Zaragoza leva o nome de "As Delicias". Será un spoiler do que lle espera ao Rácing de Ferrol?

Sumido nunha fonda crise, o maño, décimo equipo histórico da Primeira División, leva instalado 11 anos nunha Segunda da que tampouco logrará escapar esta tempada, pois xa ten imposíbel acceder a uns play-offs aos que, polo contrario, continúa aspirando o Rácing.

Situado a só catro puntos do sexto posto, o último que dá acceso á promoción, a Romareda, á que saltará ás 21 horas do domingo, semella un estadio propicio para rachar coa súa negativa xeira de resultados a domicilio, pois o Zaragoza só foi quen de gañar tres veces ante o seu público no que vai de 2024, a última delas o 31 de marzo.

Derbi no Carballiño entre Arenteiro e Celta Fortuna

Movendo o foco á terceira categoría, a Primeira Federación, xa está todo o peixe vendido para os equipos galegos: o Deportivo será primeiro e, por iso, equipo de Segunda a próxima campaña; o Celta Fortuna xogará a fase de ascenso para tratar de unirse aos branquiazuis; e tanto Arenteiro como Lugo rematarán na zona morna da clasificación.

Aínda así, iso non significa que as derradeiras dúas datas de torneo carezan completamente de emoción e de incentivos, sendo o máis destacado desta penúltima o derbi galego que protagonizarán en Espiñedo o local Arenteiro e o visitante Celta Fortuna ás  19 horas do sábado.

Un pouco antes, concretamente ás 17, os futbolistas do Dépor tratarán de superar os excesos dos fastos do ascenso fronte á Real Sociedade B en territorio vasco, mentres que o Club Deportivo Lugo baixará a persiana da xornada 37 contra un Logroñés xa descendido (As Gaunas, domingo, 19 horas).

Comentarios