Galiza vén de acadar en augas de Moaña un fito histórico. Gañar en todas as categorías do Campionato de España de bateis. Sete de sete en bandeiras e 14 das 21 medallas en liza foron para clubes do noso país, que competiron nesta edición con bateis de Euskal Herria e Cantabria. O éxito, a maiores, produciuse tanto na categoría feminina coma na masculina, amosando así o gran potencial e canteira que existe na Galiza en canto a banco fixo.
No grupo de promesas feminino a embarcación vencedora foi a de Robaleira, mentres que na segunda categoría o primeiro posto conquistouno Ares e na absoluta a bandeira foi para a tripulación de Meira. No que atinxe ás regatas da categoría masculina, Tirán foi a gañadora en absoluta, A Cabana en infantil e Tirán en Cadetes. É de salientar o feito polo batel de Rianxo, que se proclamou vencedor en xuvenís, obtendo así a súa sexta bandeira consecutiva.
A celebración en Moaña deste campionato congregou a siareiros e afeccionados ao remo nesta localidade do Morrazo. Asemade, medios coma Todoremo fixeron un seguimento minuto a minuto do que acontencía na competición.
A fotografía que ilustra esta nova é de Xoán Antón Castro