Na Galiza rexístranse 2 accidentes laborais graves ao día e 3 mortais ao mes

Desde xaneiro na Galiza rexistráronse 17.622 accidentes con baixa laboral. Servizos foi o sector con maior sinistrabilidade xunto coa industria. Nestes meses, perderon a vida 30 persoas en accidentes no traballo
Accidente laboral
photo_camera Accidente laboral

Un total de 30 accidentes laborais con resultado mortal e 369 de carácter grave, para alén de 17.223 sinistros clasificados como leves. Galiza segue a ter nos accidentes laborais unha das súas lacras. A media dos datos do Issga, Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral mostran como a sinistrabilidade no traballo segue a ser unha cuestión do día a día. A medida non deixa, neste sentido, lugar a dúbidas: 3 accidentes mortais por mes no que vai de 2012 e dous sinistros graves cada día.

No cómputo global de accidentes laborais servizos é o que rexistra máis incidencias (8.106), seguido do sector da industria (4.905 accidentes) e da construcción (2.871). Na pesca rexistráronse entre xaneiro e setembro 864 sinistros laborais e na agricultura 816.

Custo

A sinistralidade laboral na Galiza tivo en 2010 un custo económico directo de 1.050 millóns de euros, segundo recolle un estudo elaborado por CCOO. Nesa «elevadísima» cifra inclúense gastos de pólizas de seguro, indemnizacións, gastos sanitarios, o importe de posíbeis sancións ou recarga por falta de medidas de seguridade e hixiene, gastos en servizos xurídicos, perdas materiais ou substitucións de persoal.

O medo

Os sindicatos teñen alertado da diminución “considerable” en 2011 de enfermidades profesionais con baixa na Galiza, factor que o sindicato atribúe ao “medo a perder o emprego por mor da actual coxuntura” creada a raíz das reformas laborais. De feito, 2011 foi no país o primeiro exercicio en que as enfermedades laborais sen baixa superan ás que conlevan unha baixa. No ano pasado as que implicaban baixa laboral caeron nun 25% a respeito de 2006 mentres que nese mesmo periodo houbo un incremento do 160% nas enfermedades sen baixa. 

  

Comentarios