27F: Mobilizacións da Alianza Social Galega para exixir 'outra saída da crise'

CIG, CCOO e UGT conxuntamente con ducias de colectivos e entidades chaman a cidadanía galega a se manifestar para dar ''unha resposta colectiva ás nefastas políticas antisociais que impoñen os gobernos da Xunta e do Estado español".

Acto de presentación da Alianza Social Galega
photo_camera Acto de presentación da Alianza Social Galega

As sete cidades galegas e un número aínda por determinar de vilas e localidades acollerán o vindeiro 27 de febreiro, a partir das 20:00 horas, mobilizacións para reclamar “outra saída da crise”, convocadas pola Alianza Social Galega (Asoga). Nun país con máis de 280.000 persoas desempregadas, recortes en servizos públicos, medidas dirixidas a minguar os dereitos laborais, civís e sociais, leis que agreden os dereitos das mulleres.... a ASG entende que a cidadanía galega debe de dar un paso á frente. É hora, sinalan no manifesto, de dar “unha resposta colectiva ás nefastas políticas antisociais que impoñen os Gobernos de Galicia e o Estado español coa cortada da crise e do pagamento dunha débeda pública ilexítima, seguindo os ditados da Unión Europea, do Fondo Monetario Internacional, do Banco Central Europeo e da patronal neoliberal”.

“Ante esta crítica situación, a Alianza Social Galega fai un chamamento ao conxunto da sociedade para que saia á rúa masivamente a manifestar a súa oposición a estas políticas e a reclamar outras máis xustas e solidarias que beneficien ao conxunto das galegas e galegos e non só a aqueles que provocaron a crise”. Eis a mensaxe que os secretarios xerais da CIG, CCOO e UXT, Suso Seixo, Sánchez Aguión e José Antonio Gómez, quixeron trasladar nesta quinta nunha comparecencia conxunta.

A Alianza Social Galega subliña, como exemplo da difícil situación, que “nunha conxuntura con 271.500 persoas en situación de desemprego e case co 45% que carecen de coberturas, o Goberno da Xunta presenta un Orzamento que non contén medida ningunha para reactivar a actividade económica e o emprego”. 

Comentarios