Os beneficios de Abanca no seu primeiro ano superan o prezo polo que o Estado vendeu a entidade a Banesco

O beneficio no exercicio pasado foi de 1.157 millóns de euros. Novagalicia Banco fora vendida polo Goberno central por mil millóns de euros após destinar ao seu rescate máis de 9.000 millóns.

Abanca
photo_camera Abanca

Abanca obtivo en 2014 un beneficio consolidado de 1.157 millóns de euros após impostos, unha cifra que leva á dirección da entidade financeira a sinalar que bateron “amplamente” a súa previsión para este primeiro ano da nova etapa. Os e as responsábeis do banco xa indicaron que estes dados permiten afirmar que Abanca é unha “das entidades máis solventes do mercado español” pois atinxiu o 15,15% de solvencia.

O cadro de mando de Abanca afirma que o banco incrementou a captación de depósitos nun 26,4% e afortalou o seu liderato en Galiza cun medre nas cotas de mercado. Todo isto leva a Abanca a dicir que nos próximos anos aspira a medrar na cornixa cantábrica e mesmo entende que desde Bruxelas se lle permitiría mercar redes doutra entidade financeira.

Cómpre lembrar que Abanca nace da compra por parte de Banesco de Novagalicia Banco – nada do proceso de fusión das caixas galegas- no proceso de venda impulsado polo Estado español. O banco venezolano pagou mil millóns de euros pola entidade galega. Só cos beneficios deste 2014 cobre ese pagamento. E no rescate de Novagalicia Basnco investíronse 9.000 millóns de euros.

Comentarios