Abanca presume de beneficios no primeiro semestre de 2014 sen facer referencia ao "rescate"

A entidade privada que se fixo a prezo de saldo co que foron as vellas caixas galegas asegura nunha nota de prensa que obtivo beneficios "sete veces superiores" aos de antano, sen computar o prezo público que tivo a súa venta.

Logo de ser rescatada con diñeiro público e vendida a moi baixo prezo, as vellas caixas que logo foron o único músculo financeiro de Galiza, comezan a gañar cartos, que non revirten, ao seren agora propiedade privada. Abanca (o que antes era Novagalicia Banco, na actualidade en mans de empresariado financeiro venezolano) pechou o primeiro semestre de 2014 cun beneficio antes de impostos de 440 millóns de euros, sete veces máis que as cifras do ano anterior, e situou o seu ratio de capital no 12,12 por cento, o que a sitúa como “unha das entidades máis sólidas do sector en España”, segundo presumen nunha nota de prensa sen alusións aos custes anteriores, os públicos.

Abanca súmase ao discurso triunfalista da "recuperación"

Segundo informaron fontes do banco, nos primeiros seis meses de ano incrementáronse os depósitos de clientes minoristas en case mil millóns de euros, situándose en máis de 32.600 millóns de euros. Abanca recalcou que estas cifras evidencian "unha dinámica de clara recuperación da confianza dos clientes", nun discurso moi parecido ao oficialista. Milleiros de preferentistas seguen esperando a que lles devolvan os cartos, segundo denunciaron hai pouco.

A entidade, que asegura que ten unha liquidez próxima aos 8.600 millóns de euros afirma que mellorou tamén a súa marxe comercial e a súa “presenza no mercado galego”. Así, segundo avanzou, esta presenza aumentou, só no primeiro trimestre de ano, en 110 puntos.

As propostas de crear unha banca pública galega que ten lanzado o BNG e outras forzas, segue negada polos Gobernos.

Comentarios