Admitida unha demanda colectiva que pide a devolución polo pagado polas cláusulas solo antes de 2013

“Non creo que na historia xurídica de Galiza haxa un procedemento xudicial do número de afectados e quizais da transcendencia económica desta demanda colectiva”, afirma o avogado Pérez Lema.  

acouga pérez lema

Un xulgado de primeira Instancia da Coruña admitiu a trámite unha demanda colectiva da Asociación Galega de Consumidores e Usuarios (Acouga) para instar a Abanca a que devolva, “con carácter retroactivo”, as cantidades pagadas de máis polos posuidores de hipotecas ata 2013 polas cláusulas solo.

O 9 de maio de 2013 o Tribunal Supremo (TS) opúxose a que as entidades tivesen que resarcir os seus clientes polas cláusulas solo con anterioridade a esa data, alegando nque aplicar o carácter retroactivo neste caso podería poñer en risco a seguridade xurídica e a solvencia do sistema financeiro español. O secretario da asociación, o avogado Xoán Antón Pérez-Lema, considera “ben curioso que os cidadáns, que os consumidores, teñan que soportar as consecuencias dun posíbel fracaso do sistema financeiro. Esta do Tribunal Supremo é unha doutrina de patacón”. O letrado engadiu que a propia Comisión Europea “xa deixou claro que isto non vale, que hai que devolver desde o mesmo momento da suscripción do préstamo” hipotecario.

A demanda pretende ofrecerlles ás persoas afectadas “unha canle rápida, barata e moi operativa para que todos os consumidores galegos que subscribiran préstamos hipotecarios antes de marzo de 2011 (data na que se deixaron de aplicar este tipo de cláusulas en Nova Caixa Galicia) poidan resolver a súa reclamación nun único procedemento”. A admisión a trámite obrígalle a Abanca a remitirlle antes do 15 de marzo unha carta, asinada por Acouga, a todos os clientes potencialmente afectados, para ofrecerlles a posibilidade de adherirse a esta demanda colectiva. A contía da cantidade reclamada e o número de persoas afectadas son polo de agora indeterminadas, mais Pérez Lema está convencido de que se trata de “deceas de milleiros” de usuarios

“Non creo que na historia xurídica de Galicia haxa un procedemento xudicial do número de afectados e quizais da transcendencia económica desta demanda colectiva”, remarcou o avogado e secretario de Acouga. Abanca, herdeira das antigas entidades de aforro galegas que comercializaron esas hipotecas que foron consideradas abusivas, devolveu os cartos desde a data da citada sentenza do Supremo.

De por parte, desde a entidade financeira considera xulgada a causa das cláusulas solo

Comentarios