O grupo Adolfo Domínguez anunciou o inicio de negociacións cos representantes sindicais para pór en marcha un expediente de regulación de emprego (ERE) por causas económicas, organizativas e produtivas, que afectará uns 300 traballadores e traballadoras no Estado español, o 30% do seu cadro, cun impacto homoxéneo na súa sede central e rede comercial.
Segundo comunicou a empresa téxtil á Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV), a reestruturación do seu persoal inclúe un plan para volver á rendibilidade, así como un proxecto para adaptarse á nova realidade dixital do 'retail'.
"A aceleración do retail cara á venda 'online' obriga á firma a reestruturarse cara a novos sistemas de xestión e venda para garantir o futuro do negocio", subliña a compañía, que lembrou que permanece en perdas desde hai unha década, a excepción do exercicio 2015/16, no que conseguiu beneficios pola venda de activos extraordinarios. No exercicio 2019/20, a firma acumula 8,3 millóns de euros en perdas.
O grupo conta actualmente con 348 puntos de venda en 18 países
O grupo asegurou que este recorte de empregos será debidamente comunicado aos traballadores e traballadoras que se vexan afectados e aos seus representantes, e acometerase "de forma responsable, ordenada e consensuada".
O grupo conta actualmente con 348 puntos de venda en 18 países. A súa facturación no último exercicio económico (2019/20) foi de 115 millóns de euros. A compañía asegurou que manterá a súa rede de tendas no Estadoe spañol e porá en marcha medidas específicas para a súa optimización e conexión co mundo dixital.
O grupo será asesorado en todo o proceso laboral polo despacho de avogados Sagardoy, mentres que a consultora Deloitte é a súa asesora principal na elaboración dos informes técnicos e financeiros do plan. As negociacións cos sindicatos para pactar este axuste de persoal comezarán hoxe mesmo