Amancio Ortega ingresará esta segunda feira 447 millóns de euros

O dono de Inditex gañou en dividendos case 900 millóns este ano, o que mantén o empresario da Coruña entre as persoas máis ricas do planeta namentres medran as desigualdades.

O multimillonario Amancio Ortega. (Foto: Europa Press)

 

O fundador de Inditex, Amancio Ortega, ingresará este ano 894,4 millóns de euros en concepto de dividendos da compañía, cando cobre esta segunda-feira, 3 de novembro, 447,2 millóns de euros pola última retribución do ano que abonará a multinacional sediada en Arteixo aos seus accionistas.

En concreto, Ortega recibirá os perto de 900 millóns de euros en dividendos a través das sociedades Gartler e Partler, coas que controla un 59,294% das accións de Inditex, que repartirá este ano entre os seus accionistas 1.507 millóns a conta dos resultados de 2013, o que supón 2,42 euros por título, un 10% máis.

Deste importe, a compañía xa abonou o 2 de maio un dividendo ordinario a conta de 1,21 euros por acción, ao que se suma outro do mesmo importe en concepto complementario e extraordinario, que se fará efectivo esta segunda feira, 3 de novembro.

Inditex rexistrou un beneficio neto de 2.377 millóns de euros no seu ano fiscal 2013-2014 (do 1 de febreiro de 2013 ao 31 de xaneiro de 2014), o que supón un incremento do 1% respecto ao exercicio anterior. O seu dono e residente na Coruña, Amancio Ortega, é das persoas máis ricas do planeta. A súa empresa está rodeada por polémicas a respecto das condicións laborais nalgúns países.

Comentarios