Anticorrupción pide 3 anos de prisión para 5 directivos das caixas galegas

Considera a Fernández Gayoso e outros catro antigos dirixentes de NCG responsábeis de varios delitos, entre eles fraude. Ademais, solicítalles a devolución de 18,9 millóns de euros.

A Fiscalía Anticorrupción pide 3 anos de prisión para o ex-presidente de Novacaixagalicia (NCG) Fernández Gayoso, outros catro antigos dirixentes da entidade e un avogado por presuntos delitos de apropiación indebida e alternativamente estafa, os que acusaba de se asignar prexubilacións millonarias malia a difícil situación de NCG, informa Europa Press.

A Fiscalía considera como responsábeis da estafa o director xeral de NCG, José Luis Pego, o ex-director xeral adxunto executivo, Javier García de Paredes; o ex-responsábel do Grupo Inmobiliario, Gregorio Gorriarán, e un dos xestores da oficina de integración, Óscar Rodríguez. Aliás, asegura que Férnández Gayoso e o letrado Ricardo Pradas actuaron como cooperadores necesarios.

Que devolvan os cartos

Ademais solicita a estes seis acusados a devolución de 18,9 millóns de euros, cantidade que se asignaron fraudulentamente, indica fiscalía, nas súas pensións de xubilación e unha multa de 75.000 euros. As fiscais Concepción Nicolás e Pilar Melero concretan que Pego se asignou 7,7 millóns, Rodríguez Estrada 691.261 euros, Gorriarán 4,8 millones e García de Paredes 5,6 millóns.

No escrito provisional de acusación, Anticorrupción precisa, indica EP, que os 4 altos directivos acordaron “movidos pola clara intención de obter un importante beneficio patrimonial, introducir diversas melloras nos contratos de alta dirección que garantiran a liquidación e rendas vitalicias futuras no caso de producirse a súa previsíbel saída da entidade crediticia tras a fusión”.

Comentarios