Após o leite, a carne: a queda de prezos do vacún de carne prexudica 10.000 explotacións galegas

A Federación Rural Galega exixe á Xunta que convoque a Interprofesional do sector para tratar un problema 'grave' que afecta a non poucas comarcas do país. “As granxas están a sufrir unhas perdas de ingresos considerables a respecto a ano anterior”.

Non paran as malas novas no sector gandeiro galego. Á crise do leite (agravada pola decisión do Ministerio de fixar unhas axudas que exclúen máis de 5.000 explotacións de Galiza) engádeselle agora outra dificultade, desta vez para o sector da carne: unha baixada constante de prezos. Denúnciao a Federación Rural Galega (Fruga) a través de Elías Somoza, coordenador de sectores gandeiros. “Nos meses de verán o normal sería que se producira unha recuperación considerabel dos prezos, coma veu acontecendo nos derradeiros anos. Mais esta suba non se produciu, co cal as explotacións de vacún de carne galegas, están a sufrir unhas perdas de ingresos considerábeis con respecto ao ano anterior. Tendo en conta, ademais, que os custos de producción seguen a alza”. A caída dos prezos bascula entre os 5 e os 30 céntimos o quilogramo en canal.

En Galiza hai case 10.000 explotacións de vacún de carne. A maior parte delas (unhas 7.700), forman parte da Indicación Protexida Denominación de Orixe 'Ternera gallega', que se caracteriza pola producción de carne de calidade. É un sector fulcral en comarcas como a dos Ancares, Fonsagrada, a Montaña de Ourense, a Terra Chá, entre outras.

Motivos e medidas

Por que hai unha queda de prezos? Os motivos son varios, explica Somoza. Desde a crise económica, com consecuencias como o descenso no consumo deste produto, até o fechamento de exportacións a Rusia. Iso non só provocou que a carne galega non se puidese seguir a vender alí, senón que carne doutros estados que tamén se destinaba ao mercado ruso foi derivada a mercados onde estaba o produto galego.

A Federación Rural Galega demanda da Consellaría do Medio Rural que poña en marcha a 'Interprofesional do Vacún de Carne de Galicia', unha mesa paralizada desde a chegada do PP á Xunta. Un organismo, di Elías Somoza, que é “o único órgano de dialogo no cal o sector ten que estar presente, sen nengún tipo de exclusión tanto pola parte productora como pola parte industrial”.

Comentarios