Os camioneiros galegos dan un primeiro paso: greve indefinida en Leite Celta

As empresas de distribución de Leite Celta acordan iniciar o protesto o 11 de abril. O sector de transporte de mercadorías galego denuncia que coa ‘liberalización’ entran grandes operadoras foráneas tirando os prezos.

Camións de transporte (Foto: Nós Diario).

Hai uns días Begano -embotelladora da Coca-Cola na Coruña- comunicaba a 24 empresas de reparto galegas que prescindía delas. Pouco despois era Leite Celta quen prescindía das firmas galegas de transporte. Ambas as dúas pasaban a grandes operadores foráneas, que coa ‘liberalización’ do sector irrompen en Galiza tirando os prezos até un 25%, segundo pemes deste sector. E poñen na corda bamba parte dos 20.000 empregos directos que esta rama económica xera en Galiza, segundo dados das organizacións representativas.

O malestar é evidente. E os protestos comezan a se perfilar. Así, as empresas de transporte que traballaban para Leite Celta acordaron ir á greve indefinida a partir do 11 de abril. Agardan que o transporte galego de mercadorías tome nota do perigo ao que se enfronta e tamén opte por se mobilizar. A estratexia das grandes operadoras non é novidosa, advirten: entrar tirando os prezos para provocar a quebra da competencia de medianas e pequenas empresas de transporte. O seguinte paso, co escenario ‘despexado’, facerse co ‘negocio’ e poñer prezos.

Xa hai quen pide á Xunta que se vaia facendo á idea de que vai ter que tomar algunha decisión ou medida, pois podemos estar camiñando, din desde Comisións Obreiras, cara á desaparición “inminente” das empresas galegas distribuidoras.

O portavos de Autónomos de Galiza (Auga), Lisardo Domínguez, subliña que “está claro que para os pequenos traballadores autónomos é imposible aceptar prezos de grandes compañías, as administracións públicas teñen que frear estas prácticas abusivas”.

Comentarios