O cerco intensifica os protestos e desminte as informacións da TVG que din que abandona as mobilizacións

Manteñen o campamento, acudirán a Bruxelas e preparan unha mobilización nacional en Compostela. Todo isto mentres desde a TVG se anunciaba que abandonaban os protestos, o que Acerga desminte “taxativamente”.

cerco

A TVG anunciaba na noite desta cuarta feira que o sector do cerco de Galiza ía levantar o campamento que desde hai máis de dúas semanas mantiña fronte á Xunta en demanda dun reparto xusto de cotas e que esta segunda feira volvía ao mar. Unhas decisións consecuencia, sinalaba a canle pública galega, dos contactos e compromisos acadados polo sector co Ministerio de Pesca. Mais isto non é verdade, como confirman en conversa con Galiza desde Acerga, asociación de armadores do cerco de Galiza, impulsora dos protestos.

Andrés García, voceiro do colectivo, manifestou a esta medio que “mantemos o campamento e non hai nada de volver ao mar”, pois o que se emitiu na TVG “non é certo”. García agradece a disposición do secretario xeral de Pesca para co sector nestas conversas, mais incide en que non hai acordo algún e que as demandas seguen sobre a mesa: “Anular un reparto inxusto de cotas que prexudica Galiza e a súa frota”.

Así, sostén que na vindeira semana unha delegación de cerqueiros galegos irá a Bruxelas para expor as súas demandas e reivindicacións (o día 10) e que o 15 haberá unha manifestación nacional en Compostela en apoio ao sector.

Comentarios