OS EFEITOS NEGATIVOS DA BAIXADA DOS PREZOS EN ECONOMíAS CON ALTO DESEMPREGO

Por que chama a deflación á nosa porta e que suporía?

A baixada xeral e persistente nos prezos de bens e servizos pode, inciden economistas e analistas, ser un risco. En economías con alto desemprego e baixos salarios, un perigo.

cartos

O dado adiantado do IPC de decembro facilitado polo Instituto Nacional de Estatística era de -1,1, acumulando así seis meses consecutivos en índices negativos, 16 meses con valores cercanos ao 0 por cento e 8 valores negativos no 2014. Un conxunto de dados que apontan que o risco de deflación (baixada xeral e persistente no nivel de prezos de bens e servizos) está consolidado no Estado español. Ao que hai que engadir a queda da demanda na Eurozona. Mais hai quen, como Angel Laborda, da Fundación de Caixas de Aforro, tira ferro á situación e fala de “deflación importada” pola baixada do petróleo.

Se ben é certo que desde o propio comezo da crise hai voces que advirten de riscos de deflación, nos últimos meses entidades como o BCE, FMI ou a OCDE falan do risco, se ben optando por ‘tranquilizar os ánimos’. Mario Draghi recoñecía hai menos dunha semana que en Europa pende o risco de deflación, mais que este é limitado. E, engadía o presidente do Banco Central Europeo, o BCE estaría preparado para facer fronte á esa eventualidade. O Fondo Monetario Internacional alertaba hai uns meses do perigo de que o Estado español caese nunha “espiral” de deflación e a OCDE (que agrupa a 34 estados industrializados) suxería en novembro ao BCE que destinase até 700.000 millóns a mercar bonos públicos e escorrentar así risco de deflación.

Mais que é do que estamos a falar?

A deflación é un período longo e sostido de baixada de prezos, unha aparentemente boa nova mais que para sectores de economistas e analistas é unmperigo. Se ben un período así preserva o poder adquisitivo das rendas, dispara o valor das débedas e acrecenta o custo relativo dos intereses. Escenarios fatais para os actores endebedados, sexan estes familias, empresas ou estados.

@s consumidor@s tenden a retrasar as decisións de compra pois esperan que os prezos sexan aínda máis baixos. Xa que logo, a deflación supón un calexón sen saída para o emprego

Mais non é esta a única consecuencia negativa, insisten os partidarios desta análise: supón un freazo para o medre económico. O motivo: que @s consumidor@s tenden a retrasar as decisións de compra pois esperan que os prezos sexan aínda máis baixos. Xa que logo, a deflación supón un calexón sen saída para o emprego, entre outras consecuencias.

Os dous casos máis coñecidos de deflación prolongada na Historia da Economía é a Gran Depresión Estadounidense e a de Xapón (esta comezou a principios dos 90 estancando a economía nipona até hoxe)

Outras visións

Mais hai outras visións, como a do profesor de Economía da UCM e membro de econoNuestra J.A. Niete, que reflexionaba en Público sobre a deflación. “Se é pasaxeira non debería preocupar á maioría da poboación. E se ameaza con ser duradeira os gobernos terían que actuar para combatila con políticas públicas e instrumentos de política monetaria e fiscal”. O problema radica, para J.A Nieto, que en vista da actuación dos gobernos durante a crise prevé que serían “incapaces” de adoptar esas medidas.

O Estado español acumula seis meses de valores negativos no IPC. O preocupante é que estes valores negativos dos prezos sexan consecuencia dunha “demanda reducida” e, polo tanto, “dunha perda de valor económico dos bens e servizos”. Para María José Landaburu,  secretaria xeral de UATAE, faise preciso, expón en Tribuna, “mellorar as rendas, especialmente de pensionistas, asalariados e autónomos, e garantir o acceso ao crédito en mellores condicións, especialmente das pequenas unidades de produción e as familias, para apuntalar o medre da demanda e a economía, crear emprego e alcanzar uns prezos moderados aínda que positivos”.

Comentarios