A CIG chama á mobilización contra unha reforma fiscal que “prexudica as rendas baixas”

A central nacionalista convoca esta terza feira actos por todo o país diante das sedes da Axencia Tributaria en contra das medidas que prepara o PP.

Manifestación da CIG en Vigo
photo_camera Manifestación da CIG en Vigo

A CIG realizará asembleas de delegad@s esta terza feira 7 de outubro para analizar os principais aspectos da reforma do IRPF que está a promover o Goberno do PP. A continuación a central desenvolverá concentracións de protesto diante das delegacións da Axencia Tributaria para rexeitar unha reforma que, segundo a central nacionalista, “prexudica a progresividade do imposto e castiga máis as rendas baixas que as altas”. Terán lugar nas sete cidades, en Vilagarcía e en Foz.

O sindicato entende que se trata dunha reforma que “prexudica a progresividade do imposto; vén afondar no incremento do peso dos impostos indirectos sobre os directos; discrimina as rendas do traballo fronte as do capital; non contribúe ao crecemento económico e vai supor unha caída nos ingresos do Estado o que pode provocar novos recortes de investimento público, tanto en servizos públicos esenciais como no sistema público de protección social”. Por iso, amosará na rúa a súa oposición, que irá acompañado dunha campaña de denuncia.

Fiscalía progresiva

Fronte a esta reforma, a CIG asegura que a súa aposta pasa “por un modelo fiscal progresivo, máis xusto socialmente e ao servizo das clases traballadoras, que contribúa a unha redistribución real da riqueza e proporcione suficientes recursos ao Estado e á Xunta de Galiza para levar adiante políticas públicas de creación de emprego”.

Comentarios