POR PRIMEIRA VEZ O SINDICALISMO NACIONALISTA PODE SER A FORZA MAIORITARIA

CIG supera CCOO e disputa a UXT ser o primeiro sindicato de Galiza

A central nacionalista é a única das tres maioritarias que medra. Atinxiu perto do 28% dos delegados e é a primeira forza sindical en federacións como Industria, Ensino, Administración ou Saúde, para alén de ser a máis votadas en comarcas como Vigo, Pontevedra e Ferrol.

CIG

CIG desputa a UXT ser a primeira forza sindical en Galiza após desbancar CCOO do segundo posto. A central nacionalista é a única das tres maioritarias que medra en apoios neste período (2012-2015), atinxindo 4.259 delegados e delegadas, o que representa o 27,6% das persoas electas. CCOO acadou 3955 (o 25,6%) mentres que a UXT tivo apenas 162 delegados máis que a CIG.

O sindicato nacionalista impúxose como primeira forza sindical en sectores como Industria, Ensino, Administración e Saúde, así como no Metal e en Química e Enerxía para alén de gañar en comarcas como Vigo, Pontevedra e Ferrol. En áreas como Santiago, Courña e Ourense, a CIG é a segunda forza.

"É un recoñecemento do traballo feito"
Suso Seixo, secretario xeral da CIG, considera que os resultados supolen un “recoñecemento do traballo feito pola nosa central sindical” e valora especialmente que este aumento de apoios e representación se acade “nunha situación social e laboral moi dura para a clase traballadora galega”.

Seixo valora especialmente que este aumento de apoios e representación se acade “nunha situación social e laboral moi dura para a clase traballadora galega”.

Para Seixo cómpre recoñecer a “valentía” e o “compromiso” das persoas que deron un paso á fronte e decidiron presentarse pola CIG “na defensa dos seus intereses como clase”, fronte a outras centrais sindicais que “gozan de simpatías e apoios por parte da patronal”, dixo. Un compromiso que asumiron embora “sufrir, en moitos casos a represión do empresariado e mesmo arriscando o seu posto de traballo” denunciou.

O secretario xeral chama a aproveitar esta oportunidade, que se dá por primeira vez no sindicalismo nacionalista, “de poder situármonos como primeira forza, para seguir traballando e fortalecer un proxecto sindical de vital importancia para unha mellor defensa dos nosos intereses de clase e nacionais e a mellora das condicións de vida e de traballo da clase traballadora galega”.

A CIG quer aproveitar a oportunidade “de poder situármonos como primeira forza, para seguir traballando e fortalecer un proxecto sindical de vital importancia"

Período concentrado

Aínda que as eleccións sindicais son un proceso dinámico e aberto que posibilita medir a representatividade en cada momento, tradicionalmente téndese a facer coincidir o cómputo coa finalización do período de maior concentración de eleccións sindicais, que coincidiu co ano 2015, no que, de feito, se elixiron o 62% do total de delegados electos nos últimos catro anos.


 


 


 


 

Comentarios