Unha carpintería de Cambre despide o día antes das eleccións aos empregados que ían na candidatura da CIG

Spazio Saga SL, radicada no Polígono do Espíritu Santo (Cambre), tentou en varias ocasións disuadir aos traballadores de continuar co proceso electoral. Ao non conseguilo, optou por botalos, denuncia a central nacionalista.

Todos os empregados de Spazio Saga SL que formaban parte da candidatura da CIG nas primeiras eleccións sindicais que ían realizarse nesta carpintería de Cambre recibiron a pasada sexta feira cadansúa carta de despedimento disciplinario con efectos nese mesmo día.

Para executar esta medida, a empresa alegou "baixo rendemento", malia recoñecer a improcedencia do despedimento. Estes feitos, explican dende a Federación de Construción e Madeira da CIG xa foron postos en coñecemento da Inspección de Traballo para que tome as medidas oportunas.

Retrasos nos pagamentos

Spazio Saga é unha carpintería de madeira que conta na actualidade con preto dunha trintena de empregados.Nos últimos tempos tíñase instalado un clima de tensión laboral crecente polos constantes atrasos, de ata un mes, con que vén abonando as nóminas aos seus empregados.

A empresa protagonizou varios intentos infrutuosos de disuadir aos traballadores de continuar co proceso de eleccións sindicais.

Comentarios