Unha empresa que recibiu 700.000 euros en axudas públicas deslocaliza empregos a Portugal

A empresa, auxiliar da automoción, vén de comunicarlle a 35 empregad@s a súa intención de trasladalos a unha das fábricas que ten no país veciño.

Dalphimetal España/TRW de Vigo é unha empresa auxiliar da automoción con sedes no Camiño do Caramuxo e no Porriño que vén de comunicar a 35 empregad@s a súa intención de os trasladar a unha factoría de Portugal, informan desde o comité de empresa,“malia que recibiu case 700.000 euros en axudas públicas da Xunta e do Goberno español só en 2012”.

Xosé Antón Outeiro (CIG), presidente do comité, explica que con este traslado do persoal culmínase a deslocalización de parte da empresa iniciada en 2005 após ser adquirida pola transnacional estadounidense TRW. A raíz da compra, a dirección comeza a introducir cambios organizativos na até o momento empresa familiar fundada en 1975 en Vigo. “Entón deslocalizan a fabricación de volantes a Portugal deixando aquí unicamente a sección de airbags, que tamén se está a ver afectada pola deslocalización a outra das plantas portuguesas, nesta ocasión a de Ponte de Lima”. 

Dalphimetal/TRW conta na actualidade cun cadro de persoal de 420 persoas divididas en dous centros, un de I+D+i no Porriño e o de fabricación en Vigo.

Nun primeiro momento deciden trasladar tamén o persoal cualificado necesario, enxeñeiros de proceso, mais conservando as condición laborais das fábricas galegas, nun procedemento interno de traslados que se coñece como 'misión' (que inclúe unha serie de compensacións como pluses ou dietas). “Pero agora atopámonos con que pretenden culminar o proceso e que estas persoas se desvinculen definitivamente da empresa con sede en Vigo, pasando a formar parte das portuguesas e con contrato portugués, coa conseguinte perda de dereitos laborais”.

Dende o comité denuncian que isto sucede a pesar de que “o cadro de persoal tivo que negociar unha importante redución na última negociación colectiva, levada a cabo en 2011 e aínda vixente na actualidade”. Critican tamén que a pesar dos intentos de negociar coa dirección da compañía “péchanse en banda e cínguense á normativa europea que lles permite trasladar o persoal mesmo con acosos individuais para que acceden a asinar” .

Comentarios