Xurxo Álvarez

“Estase a traballar para que haxa candidaturas conxuntas Fruga-SLG aos consellos reguladores”

A maioría dos consellos reguladores de Galiza están ás portas dun novo proceso electoral, no que poderán votar prto de 21.000 persoas. Falamos co presidente da Federación Rural Galega dunha cita importante para o sector e de cara á que se están negociando posíbeis candidaturas conxuntas Fruga-SLG en boa parte dos consellos reguladores (CR).

Xurxo Álvarez presidente Fruga
photo_camera Xurxo Álvarez.

- Estamos xa en pleno proceso de eleccións dos consellos reguladores, onde están chamados a participar por volta de 20.000 produtores e uns 800 titulares de instalacións industriais

- Eleccións a todos os consellos reguladores agás uns poucos, como o da IXP ‘Ternera Gallega’ ou ‘Lacón gallego’. Son para un mandato de catro anos. Agora estamos co tema da elaboración de candidaturas e presentación das mesmas, que vai ser até o 26 de xuño. O 9 de xullo serán as eleccións, nas que se escollerán os 180 vogais da vintena de consellos reguladores. Estes escollerán despois vicepresidentes, presidentes... Fruga presentámonos aos consellos reguladores (CR) dos viños, pataca de Galiza e o Craega, o ecolóxico.

Nestes procesos vota a produción e tamén a industria. En cada consello regulador despois hai diferentes categorías, por exemplo, nos do viño e dependendo do CR hai produtores de menos de 2 hectáreas, de máis, adegas de menos capacidade e de máis...

- Como foi este mandato de catro anos  nos CR?

- Nos consellos reguladores hai presión económica, o que manda ten poder para facer as políticas como considere, e a administración aí debía facer algo, velar polos intereses de todos. Ao mellor habería que revisar como é a representatividade de cada quen, de cada sextor, nos consellos. Porque atopamos que mil persoas igual só poden escoller 3 representantes e mentres 300 poden elixir seis.

- Con que ideas chaves concorre a Fruga a estes procesos de elección nos consellos reguladores?

- Hai que aproveitar o potencial que teñen e, sobre todo, controlar a calidade do produto, potenciar nos mercados os produtos amparados pola denominación de orixe. Isto pode semellar algo simple mais é fundamental. Incido no de preservar, garantir e defender a calidade, porque estamos falando de que as superficies de viñedos son pequenas, de aí que a nosa baza a xogar sexa a calidade.

Hai intereses de grandes produtores en que ‘todo vale’ e nós non estamos por iso, de aí que, reitero, a calidade hai que defendela ante todo. Esa é a función principal do Consello Regulador. Así como a promoción do produtora amparado pola denominación de orixe, e aí si que deberiamos ter moi claro a que mercados, a que lugares estamos interesados en poñer os nosos produtos.

- Hai ruxes ruxes de que hai contactos entre Fruga e Sindicato Labrego Galego (SLG) para ver a posibilidade de facer candidaturas conxuntas...Son ruxes ruxes ou algo hai?

- Dirixímonos ao SLG, si. Consideramos que diante deste tipo de eleccións ou ben duns comicios ao consello agrario, que levan 20 anos sen convocarse, as organizacións que temos coincidencias, que defendemos posturas moi parecidas en determinadas cuestións, sería bo que concorrésemos xuntas. Dirixímonos ao Sindicato Labrego Galego, primeiro de palabra e despois por escrito, e chegamos a un acordo informal, por dicilo así, de estudar a situación consello por consello regulador e tentar onde sexa posíbel facer unha coligazón electoral. Evitariamos así dividir o voto e poderiamos aumentar a representación. É unha mágoa que non haxa un acordo nacional, mais estase a traballar consello por consello.

- Hai perspectiva de que esas negociacións callen e cristalicen en candidaturas conxuntas Fruga-SLG en certos CR?

- Eu creo que si. Haberá algúns CR nas que haxa diferenzas á hora de entender a filosofía dese consello en concreto mais dáme a impresión de que en boa parte deles, o 90% por dicir unha cifra, pode haber acordo.

- Unha boa nova...

- Hai unha diferenza grande en determinadas cuestións, como o concepto de produción, entre o que podemos defender Fruga ou SLG e o que defenden outras organizacións, como Unións Agrarias ou Asaja.

- Mencionabas antes o Consello Agrario. A comezos de abril unha delegación de Fruga e de Oruga (Organización rural galega agroforestal) reunístesvos con representantes de grupos parlamentares para reivindicaron poder ter presenza nos diferentes órganos da administración galega de carácter consultivo, de debate, diálogo e participación que afecten ao mundo rural.

- Hai vinte anos que non se fan eleccións a ese tipo de órganos. O Consello renóvase cada catro anos por decreto en base á representación das últimas eleccións 2002. E nestes anos as cousas no rural cambiaron moito, tamén en canto aos interlocutores do sector. Xóvenes Agricultores, por exemplo, xa non existe. E hai novas organizacións. En Fruga levamos anos ‘peregrinando’ por consellerías, parlamentos, explicando que isto non pode ser, que ten que haber unha adecuación á nova realidade do rural.

- Eses anos sen convocar apontan cara un desleixo, unha palabra que desde as organizacións agrarias non é estraño que se empregue para definir a política da Xunta para o agro...

- A administración sabe por que fai iso, por que non convoca, esabe ben que hai organizacións novas. O normal sería dialogar cos representantes, sobre a utilidade do consello agrario, sobre as eleccións... Mais non o fai, estará interesada en que se manteña o ‘status quo’ de hai case vinte anos. A falla de diálogo é unha constante. Co problema das xeadas nos viñedos, a Consellaría á hora de falar deixa á marxe á Fruga, non nos chamou.

- A última problemática á que tivo que facer fronte o sector viticultor foi o das ‘xeadas’. Nestas semanas houbo mobilizacións importantes (Ribadavia, Verín, Ourense) e moi críticas coa política a este respecto da Consellaría de Medio Rural...

- Vouche contestar o que lle dixen á delegada da Xunta en Ourense: un mes despois dos danos das xeadas, a administración non sabe cal é a superficie afectada por este problema. Aos afectados directas polas xeadas non se nos preguntou nada a este respecto. Por iso, que digan que vai dar créditos, axudas é unha parvada, porque non saben nin quen as necesita nin cantos metros cadrados hai afectados... Darán créditos brandos para os ‘amiguiños’ que  teñen nalgunhas adegas e punto. Teño claro que nin produtores nin pequenas adegas afectadas polas xeadas van levar nada.

A conselleira non pode vir dicirnos agora que non poden dar cartos aos afectados polas xeadas, que o prohibe Unión Europea. Iso é mentira, si que se pode, até 15.000 euros de máximo. Din que non poden dar axudas os mesmos que lle dan moitos cartos públicos a Citroën. E os que destinaron moitos millóns de euros a salvar os bancos.

Comentarios