Feijóo recortou os orzamentos para emprego á metade no lustro en que o paro aumentou un 65%

A tesoirada nas partidas de políticas activas de emprego desde a chegada de Núñez Feijóo ao goberno até agora é do 55%. Paralelamente, e nese mesmo periodo (2009-15) o paro en Galiza aumentou un 65%.

Desemprego

Cando Núñez Feijóo tomou posesión en abril de 2009 como presidente da Xunta o paro rexistrado en Galiza era de 162.700 persoas e os orzamentos para políticas de emprego dese exercicio contemplaban un investimento de 421 millóns de euros. Cumpridos xa seis anos de goberno de Feijóo en Galiza, o desemprego rexistrado anda nas 276.000 persoas -un incremento do 65% desde 2009-. E os cartos que se van destinar neste 2015 a políticas activas de emprego son 193 millóns de euros, unha tesoirada considerábel. Un recorte do 55% nos orzamentos que procuran facilitar inserción laboral nos momentos en que máis o precisan ducias de milleiros de galeg@s.

Os dados reflicten, para o grupo parlamentar socialista, a prioridade desta Xunta, á que tamén lle reprochou que deixase en 2014 o 31% do orzamento da Consellería de Traballo sen executar, por volta duns 85 millóns de euros. Nunha iniciativa parlamentar, acusaron o goberno popular de ser responsábel desde a súa chegada ao poder en 2009 de que a poboación activa caese en Galiza en 180.000 persoas.

En 2014 o 31% do orzamento da Consellería de Traballo ficou sen executar, por volta duns 85 millóns de euros”

Medio cento de empregos xuvenís menos ao día

Nese mesmo período (2009-15) produciuse a destrución de 80.000 empregos xuvenís, o que supón unha media de 45 cada día. Un dado preocupante que aínda se completa coa media de 13.000 mozos que cada ano abandonan Galiza.

Comentarios