Fruga sinala a Xunta como ''responsábel da quebra'' de Alimentos Lácteos

A organización agrogandeira informa de que as cooperativas que facían parte deste proxecto levarán a consellaría do Medio Rural perante a xustiza e que a dirección de Alimentos Lácteos identifica tamén o Goberno galego como causante do desmantelamento.

fruga
photo_camera [Imaxe da rolda de imprensa: Fruga]


A organización agrogandeira Fruga volveu enfatizar que a Xunta de Galiza é "a responsábel da quebra" de Alimentos Lácteos. Fíxoo mostrando o seu convencemento en que "o sector lácteo galego xa non ten dúbidas" e anunciando que unha parte das cooperativas que facían parte do proxecto, para alén da propia dirección, levarán a consellaría de Medio Rural perante os tribunais. 

En rolda de imprensa, o responsábel de sectores gandeiros de Fruga, Elías Somoza, informou de que "os propios protagonistas recoñecen que a empresa só serviu para beneficiar o PP namentres prexudicaba os produtores, os traballadores da planta de envasado e o sector leiteiro galego".

Alimentos Lácteos xurdiu cando en 2009 Pascual desmantelou a fábrica de Outerio de Rei e un colectivo de 23 cooperativas se comprometeu a continuar co traballo e manter os empregos. Porén, a Xunta impediu que a iniciativa se fechase e impulsou Alimentos Lácteos, integrada só por unha parte das cooperativas do proxecto inicial e capitaneada por dous membros do PP: Eugenio Montero, tenende de alcalde de Touro; e Arcadio López, ex-alcalde da Pastoriza. 

A experiencia desta empresa, que supuxo perder unha oportunidade para crear un grupo leiteiro galego, deixou un regueiro de 15 millóns de euros recoñecidos en débedas, un milleiro de produtor@s que non cobraron o alimento entregado durante varios meses, un cento de traballador@s da planta de embasado no desemprego e as cooperativas nunha situación que Somoza cualificou de "realmente crítica".

Comentarios