Os gandeiros empezan a 'batalla' para que a multinacional gala Lactalis pague un prezo xusto

Os produtores pedirán as cadeas de destribución que retiren marcas desa industria. Esta sexta feira concentraranse perante a factoría de Lactalis en Vilalba.

Mobilización de gandeiros
photo_camera Mobilización de gandeiros

As mobilizacións e presións dos gandeiros en decembro conseguiron que boa parte da distribución aceptase pagar máis polo leite ás industrias para que estas repercutisen a suba nos produtores. Desde o mes pasado as industrias perceben 2 céntimos máis polo leite de marca branca, mais non repercuten esa suba nos gandeiros. E a multinacional francesa Lactalis é sinalada polo sector como unha das principais responsábeis do que cualifican como “apropiación indebida”, segundo recolle 'Campo Galego'.

Lactalis non é peixe pequeno. É lider en volume procesado en Europa e en Galiza. A filial galega de Lactalis reparte máis de 2 millóns de euros anuais en dividendos á compañía francesa. As súas marcas: President, La Lechera, Puleva, entre outras. Nos conflitos cos gandeiros a multinacional non dubidou mesmo en recorrer á vía xudicial, denunciando os gandeiros que bloquearon a súa planta de Vilalba. Unha factoría que volverá estar esta sexta feira, 29 de xaneiro, no albo das protestas: a Plataforma en defensa do sector lácteo de Galiza convoca unha concentración, unha medida coa que presionar Lactalis para que esta pague máis polo leite os produtores.

Ademais, a Plataforma manterá contactos coas cadeas de distribución para pedirlles que retiren as marcas da multinacional gala. Unha loita á que queren sumar os consumidores, mediante campañas de información para que partillen o boicot aos produtos desa marca.

Comentarios