Informe da interprofesional láctea

Os gandeiros perden de media 2,3 céntimos por litro mentres a distribución gaña 3

A industria, ao igual que a distribución, tamén rexistra marxes positivos de beneficios. O único elo da cadea láctea que perde é o produtor.

GANDEIROS1

Un informe da Interprofesional láctea, que agrupa produtores, cooperativas e industrias, sobre a cadea de valor do leite conclúe que os gandeiros perden 2,3 céntimos por cada litro producido, mentres distribución e industria rexistran beneficios. O documento, remitido ao Ministerio de Agricultura e ao que tivo acceso a axencia Europa Press, aponta que o único elo da cadea con perdas en valores mínimos de ingresos e custos de produción son os gandeiros. A industria ten unha marxe positiva de 0,4 céntimos e a distribución de 3 céntimos por litro.

O estudo que se fai sobre os valores mínimos de ingresos e custos -que é o máis acaído ao galego, pois no país están os prezos máis baixos do Estado- os gandeiros fan fronte a uns custos de produción de 33,8 céntimos por litro. Os ingresos sitúanse nod 31,5 céntimos: 27 de venda do leite e resto de axudas da PAC ou vendas de gando.

Cómpre lembrar que recentemente o sindicato Fruga cifraba nunhas 80 granxas as que cada mes teñen que botar o fecho en Galiza como consecuencia dos baixos prezos do leite. A Federación rural galega (Fruga) advertía da difícil situación que atravesan as explotacións leiteiras no país e que se traduce, afirmaba Elías Somoza (responsábel da organización agraria) en que cada díase ven obrigadas a fechar unha media de dúas granxas en Galiza. “É un dado indicativo da situación que se vive. E as que aínda fican poden pasar por unha situación difícil”, manifestou.

Comentarios