As grandes empresas acompañan Aznar na creación da súa escola de cadros políticos

O ex-presidente español presenta o Instituto Atlántico de Goberno, unha universidade de elite que conta co apoio do PP e tamén de multinacionais como Repsol, Endesa, Banco Popular ou Telefónica, algunhas delas privatizadas polo propio Aznar.  

photo_camera Aznar

Unha escola de elite de cadros internacionais da dereita. Iso é o que se agocha detrás do centro de ensino superior privado que esta segunda feira presenta José María Aznar, ex-presidente do Estado español e presidente de honra do PP, que exerce de impulsor do que bautizou como Instituto Atlántico de Goberno (IADG), proxecto para o que conta con representantes da dereita estatal e internacional, así como do alto empresariado. 

“Ofrecer coñecementos especializados sobre as políticas públicas, o funcionamento institucional e as relacións internacionais no ámbito atlántico” é o obxectivo desta iniciativa formativa de Aznar, que contará co apoio simbólico do Goberno español xa que acudirá á súa presentación a vicepresidenta Soraya Sáez de Santamaría e a ministra de Fomento Ana Pastor. Así mesmo, falará o escritor Mario Vargas Llosa, coñecido polas súas posicións neoliberais e antinacionalistas. Ex-políticos conservadores como o antigo ministro Abel Matutes ou o que foi presidente de México Erneste Zedillo tamén acudirán ao acto.

A vicepresidenta do Goberno e a ministra de Fomento estarán na presentación dun centro superior que tamén apoia Vargas Llosa, coñecido polas súas posicións neoliberais

Pero sen dúbida o máis rechamante son os nomes que forman parte da directiva do Instituto Atlántico de Goberno, xa que entre eles destacan un bo número dos máximos directivos de altas empresas, o que evidencia un fluído intercambio de intereses entre as mesmas e a dereita. Deste xeito, aparecen no Consello do centro o presidente de Telefónica César Alierta (a empresa era pública e foi privatizada por Aznar); o de Repsol, Antonio Brufau; o do Banco Popular, Ángel Ron; o de Mapfre, Antonio Huertas; o de Endesa, Borja Prado; o de Abengoa, Javier Benjumea; a conselleira delegada de Bankinter Dolores Dancausa e Manuel Pizarro, adxunto á presidencia de El Corte Inglés e ex-deputado do PP.

Aznar xa impulsou a Faes, o grande think tank da dereita española, co que ten colaborado o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo. 

Comentarios