O último informe sobre o Índice de Prezos de Consumo (IPC) publicado esta cuarta feira polo Instituto Nacional de Estatística (INE) mostra que a Galiza superou a barreira de 10% de inflación en xuño deste ano.
En concreto, o mes pasado a Galiza alcanzou 11,1% de inflación, sendo o terceiro dato máis alto do Estado español, só por detrás de Castela A Mancha (12,7%) e Castela e León (11,6%), e case un punto por enriba da media estatal (10,2%), o dato máis alto desde abril de 1985.
Ningunha autonomía baixou de 8,5% de inflación en xuño. Ese dato foi o recollido en Canarias, seguida de Ceuta (9,3%) e Madrid (9,5%).
Con respecto a maio de 2022, a inflación aumentou no noso país en 1,5 puntos, de 9,6% a 11,1%, situándose na parte alta da clasificación por subidas porcentuais, con Castela A Mancha (+2,1) e Murcia, Navarra, Castela e León e Aragón (+1,7 todas elas) á cabeza.
Datos estatais
Os grupos nos que tivo lugar unha maior suba do IPC foron os transportes, con 19,2%; os alimentos e bebidas non alcólicas, con 12,9%; a vivenda, con 19%; e hoteis, cafés e restaurantes, con 7,2%.
En canto á taxa de variación anual da inflación subxacente (índice xeral sen alimentos non elaborados nin produtos enerxéticos) aumentou até 5,5%, sendo o dato máis alto desde agosto de 1993.
Por outra parte, a evolución mensual dos prezos de consumo en xuño foi de 1,9%. Isto supón 1,1 puntos máis que en maio deste ano.